ENCE paraliza os seus investimentos en Lourizán ante a "incerteza" sobre a prórroga da concesión
Por Redacción
Ence viuse "obrigada" a manter paralizados todos os investimentos na súa factoría de Lourizán ante a "incerteza" que pesa sobre a prórroga da concesión para seguir na Ría de Pontevedra mais alá de 2018.
A compañía asegura que este freo investidor "pon seriamente en risco o seu futuro" e contrapón esta situación á que se vive na fábrica de Navia (Asturias), na que o baixo nivel de endebedamento permite a Ence abordar un intenso programa de investimentos e de mellora de eficiencia para combater os efectos da reforma eléctrica do Goberno.
O Grupo realiza este anuncio ao tempo que dá a coñecer os seus datos económicos relativos ao primeiro trimestre do ano, que pechou cunha perda neta de 14 millóns euros fronte ao beneficio neto de 13 millóns de euros obtidos no mesmo período de 2013.
A empresa atribúe este balance económico negativo a unha concatenación de factores, sendo os principais a aplicación de novos impostos en enerxía; a nova retribución ás renovables e a coxeración; o aumento do prezo da madeira; e a menor produción e vendas de celulosa e enerxía.
Chaman a atención sobre o "anómalo" comportamento do mercado da madeira nos últimos trimestres ao producirse un transvasamento de compras duns dous millóns de toneladas de Galicia con destino a Portugal, así como un movemento equivalente de Portugal a Galicia que ocasionou un incremento de prezos próximo ao 5% entre o primeiro trimestre de 2013 e o de 2014. Tras este aumento, Ence reduciu o prezo que pagaba pola madeira, provocando que os madeireiros optase por deixar de subministralos.
Estes transvasamentos de madeira entre España e Portugal "beneficiaron exclusivamente aos intermediarios" e aumentaron o prezo final da madeira polo transporte, en prexuízo de propietarios forestais e das fábricas de celulosa.
En relación coas vendas de celulosa redúcense un 13% debido ao descenso da produción e volumes vendidos e como consecuencia da reforma eléctrica, as vendas de electricidade diminuíron un 46% e a produción de enerxía por tonelada de celulosa producida caeu un 19,3%.