Poucos voluntarios para a festa da marea branca
Por Redacción
No Recinto Feiral houbo música, comida, bebida, unha exposición fotográfica e un ambiente de solidariedade que perdura dez anos despois da catástrofe do Prestige pero, durante a noite deste sábado 17 de novembro, faltaron moitos daqueles 3.000 voluntarios que a Asociación pola defensa da Ría (APDR) reunira para limpar o litoral galego do chapapote que chegaba ás costas e que formaran parte da coñecida "marea branca" que percorreu Galicia durante aqueles días para enfrontarse ao desastre ambiental.
A APDR no ano 2002 organizara eses traballos de limpeza en distintos puntos das rías trasladando voluntarios ata a Illa de Ons, Portonovo, Corcubión ou Corrubedo. No Recinto Feiral puidéronse ver fotografías e escritos relacionados con aqueles días de traballo solidario.
A festa contou co concerto de Xurxo Souto e Os tres trebóns, Sés, Ruxe Ruxe e os reguefeiros Trioliro.