Imputados dez veciños de Ponte Sampaio, Marín e Ponte Caldelas dunha mesma familia por simular accidentes
Por Natalia Puga
Dez veciños de Marín, Ponte Caldelas e a parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio figuran como imputados nunha investigación do Grupo de Investigación e Atestados da Garda Civil de Tráfico dePontevedra por supostamente ter simulado accidentes de circulación que non existiron para conseguir indemnizacións da súa compañía de seguros.
As imputacións realizáronse xa nos últimos días, pero ata o momento apenas coñecíanse datos. Este xoves transcendeu que os dez imputados pertencen á mesma familia, pero residen en tres municipios diferentes. Todos se terían posto de acordo para inventar tres accidentes diferentes rexistrados un en Marín e dous en Ponte Caldelas. En cada coche ían varios dos imputados, pero os dez non estarían implicados en todos os sinistros.
A investigación recaeu no Xulgado de Instrución e Primera Instancia número 1 de Marín porque foi neste municipio no que se produciu o primeiro dos accidentes investigados pola Garda Civil de Tráfico.
Segundo adiantou o periódico Faro de Vigo, a investigación iniciouse tras a denuncia presentada por unha compañía de seguros no mes de marzo. O representante legal da entidade en Pontevedra denunciou que tiña sospeitas de que un grupo de persoas os estaban a estafar simulando accidentes que nunca se produciran facéndose pasar por condutores e ocupantes dos vehículos que sufrían lesións e requirían algún tipo de compensación económica.