O mércores, libro
Por Redacción & Mónica Patxot
Numerosas actividades rememoraron que a do 23 de abril é unha xornada dedicada ao libro.
Sen a tradicional rosa por san Jordi, o Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación regalou un par de libros aos que se pasaron pola súa sede da rúa Padre Amoedo.
O Concello de Pontevedra tamén fixo regalos aos nenos do Colexio Carballeira de Lourizán, que participan no programa de animación á lectura e escritura creativa O Cartafol do Lérez.
Ademais entregáronse os diplomas de recoñecemento a corenta centros escolares de toda a comarca que colaboraron na última edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil.
En Sanxenxo, as escolas infantís do Revel e O Tombo fomentaron o amor pola lectura entre os máis pequenos.
Na Biblioteca Municipal de Ponte Caldelas recitaron poemas e fragmentos de obras de autores de recoñecido prestixio que foron intercalados pola actuación musical dun trío de veteranos lectores que interpretaron coñecidas composicións populares.