A Xunta resementa nunha zona de libre marisqueo 850 quilos de ameixa decomisada
Por Redacción
A Consellería do Medio Rural e do Mar resementou 848,6 quilos de ameixa nunha zona de libre marisqueo de Galicia tras levar a cabo os controis e análise que garante que o molusco estaba en perfectas condicións e que contaba con todas as garantías sanitarias.
Esta ameixa estivo paralizada durante varios días no Instituto Galego de Formación de Acuicultura (IGAFA) xunto con outros 700 quilos que foran paralizados cautelarmente nun operativo levado a cabo pola Garda Civil da Comandancia de Pontevedra e para que se requiriu o Servizo de Gardacostas de Galicia durante a Semana Santa.
O operativo realizouse na peaxe da AP-9 en Curro (Barro) e localizábase un camión que transportaba 2.348 quilos de ameixa. A mercancia foi paralizada ao presentar irregularidades na documentación e ao non se ter xustificado o destino doutra parte. Outros 800 quilos foron postos a disposición da empresa que reclamaba ser a destinataria no momento da inspección.
O resto da ameixa (1.548 quilos) foron levados ao IGAFA de forma preventiva, xa que as empresas que figuraban como destinatarias na documentación negaron selo.
Non obstante, na última semana, as dúas empresas que inicialmente negaran ser as destinatarias da ameixa e reclamaron a súa propiedade, retirando 700 quilos de molusco. O resto, 850 quilos, dos que non se acreditou o seu destino foron resementados nunha zona de libre marisqueo, segundo a Consellería do Mar, tras realizar os controis e análise que garante o perfecto estado do molusco