O PP ve en Agustín Fernández o "alumno avantajado de Raimundo" pola súa "tremenda chapuza" no IMD
Por Redacción
O PP de Pontevedra considera "intolerable" a xestión que está a facer o Instituto Municipal de Deportes (IMD) das subvencións a actividades e clubs deportivos e reprocha ao concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, que está a promover unha "tremenda chapuza" ao ter convocado unha nova quenda de axudas para 2014, pero deixando deserta a convocatoria de 2013.
A situación provocou que os clubs deportivos pontevedreses se encontren unha situación de "falta de cobertura" que pode poñer en perigo as finanzas de moitos colectivos e o concelleiro do PP, César Abal, cre que permitíndoo, Agustín Fernández "parece que se ha convertido en el alumno aventajado de Raimundo González", voceiro nacionalista do Goberno local ao que critica a súa xestión reiteradamente.
César Abal sostén que a nova convocatoria de subvencións do IMD tan só se aprobou despois de que o Grupo Municipal do PP denunciase publicamente que o Concello de Pontevedra levaba 18 meses sen convocar axudas e que as bases que xa se publicaron deixan aos clubs sen cobertura económica durante seis e nove meses do ano 2013, segundo o caso.
A convocatoria actual é do 14 de abril e a anterior fora de setembro de 2012, sen darse axudas en 2013. Para cubrir os gastos relativos a ese ano, o 'popular' asegura que Agustín Hernández anima os clubs a que xustifiquen os gastos noutro meses que si estea cubertos por unha convocatoria de axudas, unha forma de proceder que César Abal considera "intolerable".
Ao respecto, avanzou que o PP proporá no próximo Pleno da Corporación a creación dunha nova liña de subvencións que permita compensar o período de 2013 que está sen cobertura. Esta proposta xa a realizou César Abal na última reunión do IMD, pero asegura que Agustín Fernández coa súa "soberbia" impediu abrir o debate. Na súa opinión, o edil de Deportes está "tan obsesionado con Pasarón" e as denuncias do sobrecusto das obras do estadio que "caeu nunha renuncia de funcións" en relación coas subvencións do IMD.