Acuaes iniciará o reasfaltado dun tramo da estrada entre Pontevedra e Sanxenxo a finais de abril
Por Redacción
A empresa pública Acuaes confirma que o próximo luns, día 28 de abril, iniciará as obras de fresado e reposición do aglomerado da PO-308.
Este luns 21 iniciáronse os labores previos de reposición, realizando os remates das conexións previstas entre as canalizacións secundarias. Con isto, e unha vez realizados os ensaios correspondentes (placas, densidades, etc.), Acuaes estará en condicións de iniciar o fresado e a reposición do aglomerado a semana do 28 de abril (condicionados pola operación saída da ponte de maio).
Para a execución da reposición, será necesaria a realización de cortes puntuais, na PO-531 (Domingo Fontán) e na PO-308 que se irá consensuando coa Policía Local e demais organismos implicados e avisando coa suficiente antelación. Os prazos para a execución serán aproximadamente os seguintes:
- Fresado de toda a plataforma afectada, tráfico regulado con sinais, un ou dous días.
- Entre o cuartel dos bombeiros e a rotonda da Barca, na rúa Domingo Fontán, para a reposición da gabia, cortarase un único carril durante vatro días. Manterase o tráfico en sentido alternativo.
- Posteriormente, cortarase o tráfico nun dos sentidos no tramo existente entre a rotonda da Barca e a rotonda de Automara, o concesionario de KIA, desviando o tráfico pola Caeira. Tempo estimado cinco días.
- O seguinte tramo sería cortar parte dun dos carrís entre a rotonda da KIA e a rotonda situada xunto ao hospital da Merced. Esta actuación terá unha duración aproximada duns cinco días, pero poderase manter o tráfico alternativo.
- A partir de aquí, os cortes serán puntuais e con sinais, sen requirir desvíos de tráfico. Tempo estimado cinco días.
- O último paso será, unha vez finalizada a reposición das gabias, proceder ao estendido de toda a capa de rodadura dos carrís afectados. Tempo estimado tres días.