Seis meses de prisión por entrar na casa dun home que lle berrou por como paseaba ao can e pegarlle
Por Natalia Puga
Un veciño de Vigo asinou este martes un acordo de conformidade na Audiencia Provincial de Pontevedra polo que evita ser xulgado por un tribunal de xurado por un delito de violación de domicilio e dúas faltas de lesións por subir á casa dun veciño que lle chamara a atención pola forma en que paseaba ao seu can e pegar este e a súa parella.
O acusado chegou a un acordo previo coa Fiscalía, de modo que non foi necesario xa que a Sección Segunda da Audiencia constituíse o xurado popular. A primeira hora da mañá deste martes asinou un acordo co fiscal no que recoñeceu os feitos.
En función dese acordo, aceptou unha pena de seis meses de prisión e unha multa de 540 euros (tres meses con cota diaria de seis euros) polo delito de aplanamento e 180 euros de multa (un mes con cota de seis euros) por cada unha das dúas faltas de lesións.
Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o acusado estaba a pasear un dos seus cans por unha rúa de Vigo cando un veciño se asomou á fiestra do seu domicilio e lle chamou a atención por como trataba o animal. O acusado reaccionou invitándoo a que baixase á rúa para discutir ese reproche, pero o veciño rexeitou a proposta e seguiu na súa casa.
Ante esta negativa, o acusado subiu ao domicilio, chamou insistentemente á porta e conseguiu entrar malia que a parella do veciño que lle chamara a atención intentou evitalo interpoñéndose no seu camiño. Cando xa estaba dentro, golpeou o home e, cando a súa moza intentou defendelo, pegoulle tamén a ela.