Ano e medio de prisión para un veciño de Alba por vender droga e inventarse que o seu comprador lle roubou a carteira
Por Natalia Puga
Un veciño da parroquia pontevedresa de Alba cumprirá un ano e seis meses de prisión por vender dous gramos de cocaína a un cliente e pouco despois inventar na Comisaría que o seu comprador lle roubara a carteira.
O home sentouse este martes no banco dos acusados da Sección Cuarta da Audiencia de Pontevedra polos delitos de tráfico de drogas e simulación de delito e, tras alcanzar un acordo de conformidade, recoñeceu os feitos e conformouse coa nova condena que lle pedía o fiscal. O xuízo quedou xa sentenciado.
O home aceptou un ano e medio de cárcere e unha multa de 60 euros polo delito contra a saúde pública e unha multa de 540 euros (tres meses a razón de seis euros diarios) pola simulación de delito. Inicialmente, a Fiscalía pedíalle tres anos de prisión e unha multa maior.
Segundo sinalaron fontes coñecedoras do caso, o home vendeu os dous gramos de cocaína a un cliente e xurdiu entre ambos os dous un desacordo en relación co pagamento. Froito dese desacordo, meteuse nun coche co seu comprador e este, segundo sostén o acusado, ameazouno cunha navalla.
Xusto despois de acontecer ese incidente, o acusado acudiu á Comisaría da Policia Nacional de Pontevedra e contou os axentes que lle roubaran a carteira. A investigación policial acabou comprobando que en realidade non se producira tal roubo, senón que simulara o delito. Segundo transcendeu, o home explicou que se inventou o sucedido porque se asustou coa ameaza da navalla.