Os administradores de fincas alertan dunha ondada de roubos en garaxes e rochos
Por Oskar Viéitez
Segundo o Colexio Profesional de Administradores de Fincas, o roubo con forza en domicilio segue sendo o delito que máis crece en España, cunha media de 352 roubos diarios.
A administradora de fincas, Ana Couselo, explicou que en Pontevedra os roubos van por ondadas, así coincide unha época na que se rexistran moitas entradas en domicilios,e sinalou que "ahora estamos con los garages y trasteros".
Para frear esta tendencia os delegados de Participación cidadá da Comisaría Provincial de Pontevedra celebraron este martes unha reunión con diferentes administradores para impartir unha charla en relación ás prevencións que deben tomar para evitar o roubo nas vivendas.
"A miña casa a salvo", é o lema da nova campaña coa que a Policía Nacional e a Garda Civil pretenden concienciar os cidadáns de que poden ser "cómplices" poñéndollo doado a uns ladróns ao axexo de descoidos.
Entre outras cousas recoméndase que se utilicen temporizadores de luz para dar a impresión de estar habitada, non baixar as persianas na súa totalidade para aparentar actividade no interior e non divulgar a ausencia aos veciños, só a alguén moi achegado. Por suposto, tampouco nas redes sociais.
Os axentes insistiron en que os cidadáns teñen que ter presente que a vivenda comeza no portal, da importancia de ter bos axexadoiros, de non se deixar engaiolar con revisores do gas ou calquera comercial. Non abrir "a calquera", gardar nin mandos nin chaves dentro dos coches, esperar a que se peche a porta antes de saír do garaxe.
Pola súa banda os administradores de terreos interesáronse polos problemas de seguridade que supoñen as estadas nas fachadas que dan acceso a outras vías de entrada nas vivendas.
Os consellos esténdense ao caso de que sexamos vítimas dun roubo, a Policía e a Garda Civil piden que sigamos unhas instrucións concretas como non entrar na vivenda se a porta está forzada, pois podemos borrar calquera pista que axude aos investigadores a deter os delincuentes.
Pero o consello no que máis se insistiu é que nunca se faga fronte a un ladrón.