O director de ENCE asegura que a APDR "non se informa e dedícase a buscar titulares"
Por Redacción
O gabinete de comunicación de ENCE Pontevedra ven de emitir un comunicado no que salienta que tanto as augas de proceso coma as augas pluviais que se recollen nas instalacións da fábrica pasan por un completo proceso de depuración antes da súa saída á Ría a través dun emisario submarino. "Este tratamento de augas permite que o efluente líquido da fábrica de Ence en Pontevedra mellore no seu principal indicador de calidade, a Demanda Química de Osíxeno (DQO), os resultados de todas as fábricas do seu sector en Europa", di o escrito.
Estas mesmas fontes afirman que a Asociación pola Defensa da Ría (APDR) acusou de "forma irresponsable" a Ence en días pasados de empregar irregularmente augas limpas e augas pluviais no seu proceso de depuración. "De acordo ás desinformadas e/ou malintencionadas hipóteses de APDR, ao mesturar augas que non foron utilizadas no proceso industrial estaríase a xerar unha maior dilución para alcanzar uns mellores indicadores de calidade para o efluente" di o comunicado da empresa pasteira que apunta que "a acusación denota un profundo descoñecemento".
"Garantimos que non sae nada de fábrica que non estea depurado", di o director de ENCE
Segundo á normativa vixente que se aplica a Ence, non é a concentración de compoñentes o que se debe medir do efluente senón un indicador máis esixente: a carga total. Ou o que é o mesmo: non se trata de que tan diluídos estean os compoñentes senón de cal é a cantidade total que se verte. "Todas as nosas augas de proceso pasan pola planta de depuración de efluentes, de forma que garantimos que non sae nada de fábrica que non estea depurado", di o director de ENCE, Antonio Casal.
"Realmente APDR non entende como é o proceso de depuración de augas da fábrica de Ence Pontevedra", insisten. Segundo informan a temperatura dos efluentes adecúase antes do seu tratamento para que este sexa efectivo. Esta adecuación realízase mediante intercambiadores indirectos, sen consumir auga fresca, outra cousa é que a auga procedente de limpezas de filtros de area, pluviais, etc., ao estar máis frío, favoreza tamén esa regulación de temperatura.
"APDR non se informa e dedícase a buscar titulares. Mentres tanto, unha entidade pública dependente do consello de ministros unificado dos países nórdicos destaca a sostibilidade do noso proceso incluíndo o noso produto en Nordic Swan", subliña Casal.
A nota de prensa difundida por APDR considera a posibilidade de que, tal e como defende Ence, o uso destas augas obedeza a razóns técnicas. Pero dan por feito que non pode ser así baseándose en que cren que a Ence non lle interesa a xestión ambiental. "Nin nos coñecen, nin queren coñecernos", recorda Casal. "De feito, polo menos nos últimos 20 anos non quixeron pisar a fábrica. Como poden falar dela? Oxalá que algún día entendan que, como calquera veciño, cando teñan calquera dúbida sobre o que facemos e como o facemos poden chamar, ou escribir, ou nos visitar e explicarémoslles todo. A Ría preocúpanos a todos. As solucións e as melloras, sempre chegan da colaboración e da suma de esforzos".
A APDR solicitou ser parte interesada no expediente aberto por Augas de Galicia polas referidas filtracións para que se lles facilite toda a documentación relativa ao mesmo.