Facebook e Twitter, o novo "opio do pobo"
Por Oskar Viéitez
Este luns arrancou no Teatro Principal de Pontevedra a 31 edición da Semana Galega de Filosofía, dedicada ao tema "Filosofía e Revolución".
O relatorio inaugural correu a cargo do escritor e ensaísta Santiago Alba Rico que abordou o papel que xogan hoxe as novas tecnoloxías da comunicación nos procesos de cambios, nos movementos populares.
Tras explicar o denominado "paradigma pantállico", que representa a eclosión da pantalla como obxecto de lectura, Santiago Alba sinalou que ao seu xuízo é "menos democrático que o letrado". O ensaísta afirmou que "non se pode asumir acríticamente o carácter emancipatorio mecánico das novas tecnoloxías", do ámbito virtual, que cobra cada vez máis importancia.
Este pensador sostén que as redes sociais "son un territorio no que a relación de forzas é desfavorable ás esquerdas".
De formación marxista, Alba Rico apunta que a rede se chegou a converter "nun órgano máis que nunha ferramenta" o que levou a unha "ausencia previa de conciencia e de liberdade". Segundo explica, "a rede é como un monstro tentacular que se integrou nas nosas entrañas ata o punto no que é difícil distinguir o latexo do noso corazón dos múltiples sons que emite o ordenador cando estamos conectados".
Santiago Alba asegura que as redes sociais teñen un "efecto aletargador, adormecedor"
Os movementos populares, como os da denominada primavera árabe, "non son o resultado das novas tecnoloxías senón unha vitoria sobre elas", e engade "as novas tecnoloxías quizais serven cando un xa está na rúa pero non para sacalas á rúa".
"A facilidade é unha tiranía e ao final un sucumbe e fai aquilo que pode facer e só porque pode facelo, é a ditadura da facilidade. Pero non debemos considerar con demasiado entusiasmo un medio co que a única liberdade que temos é a de apagalo ou a de negarnos a usalo".
E é que Santiago Alba asegura que as redes sociais teñen un "efecto aletargador, adormecedor como o opio do Pobo" polo que afirma que "a rúa é a que interpela á xentes non Facebook" polo que invita a poboación a ser moi crítica manexando as grandes empresas de tecnoloxía que recorda que se encontran en mans dunha elite moi pequena que é quen realmente determina o seu curso e non os usuarios".
A TELEVISIÿN DE HOXE
A preguntas dos medios de comunicación, Santiago Alba Rico recordou a súa etapa televisiva entre 1984 e 1988 cando escribía guións para "Os electroduendes", dentro do programa La bola de cristal nunha serie de "fábulas de marxismo satírico para nenos".
"Penso que hoxe é impensable un programa como ese, bastante chafalleiro e cheo de improvisación, pero nun momento moi concreto da historia de España no que houbo verdadeira televisión pública na que era posible contar cousas. Pensamos que o noso ía ser o primeiro elo dunha alonga estirpe e foi desgraciadamente o último", dixo Santiago Alba.
"Hoxe en día temos unha televisión moi populista que interpela ás vísceras, enfocada cara ao deporte, e o que eu chamo o gag visual. Moitas veces a historia retrocede e non vivimos un progreso constante e pasamos dun albor cheo de posibilidades a unha idade media en cores que é o que temos hoxe", concluiu o pensador.