'Encontro' pola mañá e 'Santo Enterro' pola tarde enchen de procesións o Venres Santo pontevedrés
Por Diego Torrado
O Venres Santo foi intenso en Pontevedra, con procesións dende primeira hora da mañá (ás 9.00 horas partiu a do 'Encontro') ata chegada a noite (pasadas as 20.00 horas comezaba a do 'Santo Enterro'), pero non por atafegada a xornada desluciu e as citas principais da xornada contaron coa presenza de centos de pontevedreses.
A máis multitudinaria foi a procesión do 'Santo Enterro', que partiu, como cada ano, da Basílica de Santa María ás 20.00 horas e sacou ás sete confrarías pontevedresas polo percorrido habitual por Santa María, a praza de España, Riestra, Oliva, García Camba, Peregrina, Soportais, Manuel Quiroga, Don Filiberto e Celeiro para rematar de novo na basílica.
Un percorrido no que procesionaron, tras a Cruz parroquial, Nuestra Señora del Amor Hermoso da Confraría de Nuestra Señora del Amor Hermoso; El Calvario con Cristo Crucificado da Confraría do Corpo Santo do Gremio de Mareantes; La Virgen del Mayor Dolor da Confraría do Mayor Dolor; Nuestra Señora de las Angustias da Confraría do Silencio; El Cristo Yacente da Confraría de Nuestro Padre Jesús con la Cruz a Cuestas; La Virgen de la Misericordia da Confraría da Vera Cruz y Misericordia; e La Santa Cruz da Confraría do Espíritu Santo.
O desfile pechouno un Lignum-Crucis que se venera na Basílica de Santa María la Mayor e, xa de regreso ao templo, empezou a prepararse o terceiro e último acto grande do día, a Adoración ante a Cruz que comeza ás 23.00 horas en Santa María.
Menos multitudinaria, pero igualmente exitosa foi a procesión do 'Encontro' que partiu ás 9.00 horas. Á mesma hora saíron unha procesión de mulleres dende a igrexa de San Bartolomé co paso de La Virgen de la Soledad e unha de homes dende Santa María la Mayor coa imaxe de Cristo con la Cruz a Cuestas e ambas as dúas déronse o encontro no momento máis rechamante e esperado na praza do Teucro.
O Venres Santo tan intenso dá paso a un sábado de descanso antes de que no Domingo de Resurrección se poña fin aos actos da Semana Santa coa procesión de Jesús Resucitado. A Confraría de Nuestra Señora del Amor Hermoso sairá ás 19.30 horas da igrexa de San José de Campolongo.
Relacionadas:
-
Pontevedra despide a súa Semana Santa coa procesión de Xesús Resucitado
Por Diego Torrado |
-
A Procesión dos Pasos, a tradición relixiosa percorre as rúas da cidade
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
Pontevedra revive a súa tradición nazarena
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado |
-
Outra Semana Santa ollando cara o ceo
Por Redacción |