Unha multitude revive a Última Cea e a Paixón de Cristo cos veciños de Paradela (Meis)
Por Diego Torrado & Aitana Vidal
Os veciños de Paradela (Meis) implicáronse un ano máis na súa forma singular de celebrar a Semana Santa. Como levan facendo dende que no século XVIII comeza a tradición, este Xoves e Venres Santo recrearon a ÿltima Cea e a Paixón de Cristo con total realismo e todo luxo de detalles permitindo ao espectador transportarse no tempo.
A celebración, que dende o ano 2010 está declarada de Interese Turístico Autonómico, ten un carácter litúrxico e profano ao mesmo tempo no que se conxugan o teatro e a relixión. Atraídos por ambos os dous aspectos e animados polo bo tempo, miles de espectadores presenciárona, fotografaron e aplaudiron.
Este Xoves Santo os actos litúrxicos cantados polo Coro Parroquial de Paradela comezaron ás 20.30 horas, pero o momento central desenvolveuse a partir das 21.30 horas, coa escenificación da ÿltima Cea de Jesús cos apóstolos e a posterior procesión ata o campo de Outeiro para a representación do Prendemento e Xuízo do Sanedrín. Cunha coidada escenografía represéntanse cada unha das tradicións deste día, tales como o lavatorio de pés ou a oración no horto das oliveiras.
Este Venres Santo os centos de espectadores da noite anterior convertéronse en miles e a partir das 11.30 horas acudiron ao adro da igrexa para presenciar a escenificación das últimas horas da vida de Xesús e, a continuación, seguírono no Vía Crucis ata o Monte da Croa e a crucifixión.
Pola tarde, ás 20.30 horas, están programados os oficios litúrxicos e posterior repartición de velas e ás 22.00 horas terá lugar no Monte da Croa o descravo e descendemento de Xesús, seguidos da procesión do Santo Enterro, acompañada unicamente pola luz das velas e a música do Santo Enterro da Banda dá Vertula.
A famosa Semana Santa escenificada continuará este Sabado Santo coa misa de resurrección ás 23.00 horas, na que se realizará a bendición da auga e do lume, e o Domingo de Pascua coa escenificación a partir das 12.30 horas da Resurrección de Xesús no adro da igrexa.
Os actos xa comezaran o Domingo de Ramos coa bendición de ramos no campo do Outeiro e a escenificación da Entrada Triunfal de Xesús en Xerusalén.