A Policía de Ponte Caldelas busca os autores de pintadas no Pavillón
Por Redacción
O Pavillón dos Deportes de Ponte Caldelas apareceu con pintadas nun dos seus laterais e a Policía Local iniciou unha investigación para determinar a autoría deste acto vandálico.
Segundo os primeiros indicios, dende o Concello de Ponte Caldelas sospeitan que poida tratarse dunha acción incontrolada de mozos que adoitan roldar polos arredores das instalacións deportivas.
Dende o Goberno local lamentan estes actos e as consecuencias económicas que levará consigo a reparación do exterior do Pavillón, que foi inaugurado en xuño de 2013.
Este concello xa sufrira danos nos últimos meses no Monumento ao Pescador no Paseo da Calzada, xunto ao río Verdugo. En varias ocasións, os vándalos seccionaran a punta da cana desta instalación escultórica.