Tres mortos e dous desaparecidos no naufraxio dun pesqueiro de Marín en Asturias
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O barco pesqueiro Mar Nosso con bandeira portuguesa e base en Marín, armado polo veciño da vila Claudino González, naufragaba esta mañá do 17 de abril a trinta millas de Navia. Segundo Salvamento Marítimo, sete dos seus tripulantes foron rescatados mentres que tres faleceron, un dos cadáveres foi recuperado a media tarde deste Xoves Santo, e outros dous están desaparecidos.
A bordo da embarcación viaxaban 12 tripulantes, cinco deles galegos e sete de nacionalidade portuguesa. Os cinco galegos sobreviviron á traxedia: tres eran de Marín, un de Bueu e outro de vilagarcía de Arousa. Segundo a información trasladada pola alcaldesa de Marín, María Ramallo, a través da Radio Galega, tres deles atópanse ingresados por hipotermia nos Hospitais de Jove e de Cabuñas. As identidades dos tripulantes galegos son: José Martínez Calo; Jesús Álvaro González; Rafael Meijide Rodríguez, os tres veciños de Marín; Francisco Manuel Alvite, de Vilagarcía e Francisco Pereira Iglesias, de Bueu.
Un barco que se encontraba próximo á zona do naufraxio logrou rescatar sete mariñeiros que lograron salvarse e foi o encargado de alertar o 112. Catro dos rescatados foron evacuados a Gijón en helicóptero ao presentar síntomas de hipotermia. O pesqueiro ía en dirección ao porto de Avilés cando Salvamento Marítimo recibiu unha chamada do pesqueiro 'Mar da Galega', que alertaba da traxedia.
Pesquero #MarNosso quilla al sol 20'NNE de #Navia.7 de sus tripulantes rescatados con vida,2 cadáveres recuperados y 3 desaparecidos
SALVAMENTO MARÍTIMO (@salvamentogob) abril 17, 2014
O Centro de Salvamento Marítimo de Gijón está a coordinar a busca dos dous desaparecidos e sumouse ao operativo un helicóptero da Xunta de Galicia Pesca 2, a embarcación de Salvamento Marítimo Salvamar Capella e varios pesqueiros.
O Mar Nosso é un arrastreiro de 40 anos de antigüidade, 32 metros de eslora e 183 toneladas.
Polo momento, non se facilitou a identidade dos desaparecidos e falecidos.
Relacionadas:
-
Segundo día de busca dos desaparecidos no naufraxio do pesqueiro de Marín 'Mar Nosso'
Por Redacción | Creada e actualizada