Máis de 60 propietarios agardan as axudas da Xunta para rehabilitar inmobles do centro histórico
Por Redacción
A Oficina de Rehabilitación do Concello de Pontevedra leva recibidas numerosas consultas dos propietarios de inmobles do centro histórico ante a ausencia de noticias sobre a aprobación das axudas definitivas para a realización de obras na Área de Rehabilitación Integral (ARI) nesa zona da cidade.
O concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, mostra a súa preocupación pola paralización deste tema dende que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas aprobou en 2012 a proposta do Concello de Pontevedra para declarar o centro histórico como ARI. Afirma que dous anos despois da aprobación oficial, o ARI continúa pendente da dotación de fondos públicos.
Dende a Oficina de Rehabilitación decidiuse crear unha listaxe informal de espera para dispoñer de todos os datos para acelerar os trámites no momento en que o ARI estea operativo.
Segundo os datos do Concello, na actualidade son 61 os propietarios interesados en acometer obras nos inmobles. Na maior parte dos casos trátase de obras integrais de rehabilitación, substitución de cubertas ou reparacións de fachadas.
Louro insiste en que dende a aprobación do Plan Estatal de Vivenda o pasado mes de abril de 2013 segue pendente, sen explicación oficial ningunha, a firma do convenio entre o Ministerio de Fomento e a Xunta de Galicia para determinar os fondos asignados e os importes finais que van recibir os propietarios. Ante esta situación, o concelleiro teme que durante este ano tampouco se reciban as axudas á rehabilitación da zona monumental de Pontevedra.
O Concello presentou en 2010 ante a Xunta de Galicia un proxecto no que se reflectía a existencia de 1.528 vivendas no centro histórico.
Relacionadas:
-
Un millón de euros para o ámbito de Santa María, A Ferrería e Valentín García Escudero
Por Redacción |
-
Unanimidade no Concello para solicitar que se doten fondos para a rehabilitación da zona antiga
Por Oskar Viéitez |
-
María Biempica centrará a atención do pleno de abril ao converterse en concelleira non adscrita
Por Redacción |