Valan a praia de Paxariñas ante o perigo de desprendementos
Por Redacción
A aparición de novas gretas que acrecentan o perigo de desprendementos de terra e rochas dun terreo adxacente obrigaron os servizos municipais de Sanxenxo a valar unha ampla zona da praia de Paxariñas.
Trátase dunha medida de precaución previa ás obras que está previsto realizar no areal para solucionar a situación, que vén derivada dos temporais do pasado inverno.
Estes traballos xa foron autorizados polo Servizo Provincial de Costas e o Ministerio de Medio Ambiente, pero as obras deberán ser agora de maior envergadura, segundo confirmou José Luis Rodríguez.
O tenente de alcalde de Sanxenxo e concelleiro de Medio Ambiente pediu ademais aos usuarios do areal "comprensión pola redución da zona de baño posto que esta circunstancia é allea a nós e lles rogamos que extremen a precaución se optan por acudir a Paxariñas".
Segundo o sinalado polo edil, Costas encargou un informe técnico urxente para determinar cal é a mellor solución a este problema.