Detidos tres mozos por roubo de cable de cobre en Ponte Caldelas
Por Redacción
A Garda Civil detivo a S.D.P., de 20 anos de idade e a S.C.P., de 23 e a un menor de idade, os tres de nacionalidade romanesa e sen domicilio fixo en España, como supostos autores dun delito de roubo de cable de cobre.
Na madrugada do mércores, día 15, no PK. 5,400 da estrada PO-542, termo municipal de Pontevedra, unha patrulla do Destacamento de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra procedeu ao control dun Volkswagen Polo, ocupado por tres persoas e que no interior do maleteiro levaban fío de cobre do usado nos tendidos telefónicos, así como unha serra e un par de luvas non podendo acreditar a súa legal procedencia.
Por iso solicitouse a presenza dunha patrulla do Posto da Garda Civil de Pontevedra que acudiu ao lugar facéndose cargo das actuacións e procedeu á detención dos ocupantes do vehículo, que foron conducidos ás dependencias oficiais do devandito posto para a instrución das correspondentes dilixencias.
No transcurso da instrución destas púidose saber que o cable procedía dun roubo cometido en Ponte Caldelas que foi denunciado polo representante da empresa prexudicada.
Os dous detidos, aos que lles constan antecedentes policiais, serán postos a disposición do Xulgado de Instrución número un dos de Pontevedra, mentres que o menor foi trasladado a un centro de menores por así o ordenar a Fiscalía de Menores de Pontevedra.