Cincocentos veciños de Mourente demandan unha rede de saneamento
Por Oskar Viéitez
Os veciños con residencia ao longo da estrada a Ourense (N-541) nos lugares de O Pazo, Carabelos e Eirós, pertencentes á parroquia de Mourente, demandan unha rede de saneamento.
Nesta zona residen máis de 500 veciños en 136 casas nunha zona de características urbanas, que sen embargo non conta con este servizo básico.
Nun escrito dirixido ao Ministerio de Fomento, Xunta e Concello de Pontevedra sinalan que esta zona constitúe o maior espazo habitado sen saneamento de todo o municipio de Pontevedra, sen que fose incluída nos anteriores convenios asinados coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.
"O retraso de varios anos na execución desta obra está privando a máis de 500 habitantes de estes lugares dun servizo elemental do que xa gozan outros lugares menos poboados do municipio", di o escrito.
Aseguran que algúns veciños levan xa máis de dez anos coas fosas sépticas colapsadas, "polo que se está agravando o problema de saúde pública que tal situación produce". A evacuación mediante cisternas, solución á que se vén obrigados estes veciños de xeito cada vez máis frecuente, é un remedio temporal, ambientalmente deficiente e que xera incomodidades aos demais veciños.
Os veciños son coñecedores de que o Concello de Pontevedra ten elaborado un proxecto de instatación da rede de saneamento para todas as casas dos lugares citados que carecen deste servizo polo que solicitan a execución con urxencia do citado proxecto.
Relacionadas:
-
O goberno local espera asinar un convenio coa Xunta para a rede de sumidoiros para Mourente e Bora
Por Oskar Viéitez |
-
Paso adiante no Pleno para completar o saneamento nas parroquias de Mourente e Bora
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Mourente iniciará mobilizacións para que se dote de sumidoiros a O Pazo, Carabelos e Eirós
Por Redacción |