Un capitán da Brilat recibe a máxima distinción militar por unha acción na última misión en Afganistan
Por Natalia Puga
O capitán da Brigada de Infantaría Lixeira (Brilat) José Alberto Sánchez Romero realizou entre novembro 2012 e maio de 2013 a súa terceira misión en Afganistán. Foi o último despregamento da Brigada no país asiático e polo seu labor alí acaba de recibir a Cruz do Mérito Militar con distintivo vermello.
A condecoración, publicada este martes no Boletín Oficial do Estado, é unha das máximas distincións militares existentes. En concreto, prémiase a súa acción ao repeler un ataque de insurxentes durante unha patrulla de recoñecemento na localidade de Miranzai o 21 de decembro de 2012.
No seu caso, concédeselle para recoñecer o seu "valor e eficacia" durante a súa estanza no posto de combate avanzado COP situado na base Ricketts de Moqur. O capitán Sánchez Romero, do Rexemento Príncipe 3 de Asturias da Brilat, con sede na base de Cabo Noval (Asturias), estaba á fronte do campamento.
Segundo o Regulamento Xeral de Recompensas Militares, a Cruz do Mérito Militar con distintivo vermello concédese "a aquelas persoas que, con valor, realizasen accións, feitos ou servizos eficaces no transcurso dun conflito armado ou de operacións militares que impliquen ou poidan implicar o uso de forza armada, e que leven consigo uns dotes militares ou de mando significativas" e ás persoas que falezan en acto de servizo en misións no exterior, "como consecuencia de accións violentas de elementos hostís".