12 bares de Vilagarcía terán que retirar os seus paraventos das terrazas
Por Redacción
O Concello de Vilagarcía requiriu a 12 bares da cidade a retirada dos paraventos e lonas laterais colocadas nas terrazas sen arranxo a licenza. A partir da notificación, estes establecementos contan ata as 14:00 horas deste mércores, 16 de abril, para acatar a orde da Alcaldía.
Segundo informa o goberno local, as notificacións responden a que nalgúns casos non contan coa preceptiva licenza e noutros por exceder as condicións autorizadas. Ademais de ordenar a retirada destes paraventos e lonas laterais, o Concello require aos propietarios que conten con permiso para a instalación do toldo que axusten estes elementos aos parámetros estritamente autorizados tanto en extensión coma en número de elementos.
En caso de que os afectados non acaten o mandato no prazo fixado procederase á execución forzosa desta mediante a imposición de multas coercitivas.
O Concello baséase na Lei de Emprendedores e considera que estes elementos instalados sen licenza ou excedendo o espazo permitido supoñen un acto de competencia desleal en detrimento dos hostaleiros que si cumpren coa normativa.