Novos reparos da Xunta ao polígono do Vao preocupan a Louro
Por Redacción
O concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, mostrou a súa preocupación polos novos reparos que a Xunta de Galicia puxo ao polígono industrial do Vao, que promove a familia Nogueira dende o ano 2002 e que pasou por numerosas tramitacións polas distintas administracións sectoriais estatais e autonómicas.
No informe remitido, nas últimas horas, por parte da Xunta de Galicia establécense dúbidas sobre se debe aplicarse a protección de costas en 200 metros ou rebaixarse a 100 metros como se recollía no proxecto. A administración autonómica mostra tamén os seus reparos sobre se a actividade sería de carácter comercial ou industrial, reclama zonas verdes e presenta dúbidas sobre a edificabilidade permitida neses terreos nos que estaba prevista a instalación de diferentes centros comerciais coa previsión de crear 300 postos de traballo.
Louro indicou que "non creo que estea en risco o proxecto" a pesar do informe emitido pola administración autonómica, pero teme que se poida atrasar no tempo a súa execución.
Agora a promotora debería manter conversacións, segundo Louro, co Concello e coa Xunta de Galicia para sortear estes reparos.