Desaloxan o edificio do Café Moderno por un forte olor a gas
Por Diego Torrado
Os usuarios do edificio do Café Moderno, situado na praza de San José, foron evacuados este mediodía ao percibirse un forte olor a gas.
Segundo explicaron as responsables deste centro cultural da Fundación Novacaixa Galicia en Pontevedra, a alerta comezou sobre as 13:30 horas cando varias persoas que se encontraban no edificio sentiron olor a gas. De inmediato deron aviso aos servizos de emerxencia ao tempo que evacuaron o inmoble.
Policía Local e Bombeiros chegaron inmediatamente cortando a rúa para establecer un perímetro de seguridade.
Un voceiro do corpo de bombeiros explicou que nas medicións practicadas non se detectou presenza de gas. Non obstante procederon á ventilación das dúas plantas do edificio.
Ademais o Café Moderno carece que subministración de gas, polo que as pescudas para descubrir a posible orixe da fuga se estenderon aos edificios lindantes, o Bar Americano e as vivendas do inmoble número 1 da rúa Augusto González Besada.