Familiares e achegados arroupan á familia Rajoy na despedida do seu irmán Luis
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Familiares, amigos e cargos políticos arrouparon este venres ao presidente do Goberno, Mariano Rajoy, no cemiterio de San Amaro en Pontevedra, no enterro dos restos mortais do seu irmán Luis Rajoy, falecido este mércores en Madrid e esta tarde nun concurrido funeral celebrado na basílica de Santa María la Mayor.
Pola mañán, presidente chegou xunto aos seus irmáns, Mercedes e Enrique, ás 11.00 horas ao tanatorio de San Mauro, onde tamén se achegou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para acompañar o xefe do Executivo español no enterro do seu irmán.
Ao enterro tamén asistiron outros cargos políticos que gardan unha relación de amizade co presidente español, como o director xeral de Salvamento Marítimo, Juan Luis Pedrosa; o presidente da Autoridade Portuaria de Marín e esposo da ministra Ana Pastor, José Benito Suárez Costa; a presidenta da Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa, o presidente da Deputación e do PP nesta provincia, Rafael Louzán, o xefe superior da Policía de Galicia, Jaime Iglesias; a alcaldesa de Marín, María Ramallo; o alcalde de Lalín, Xosé Crespo; o voceiro do PP en Vigo, José Manuel Figueroa; ou o deputado do PSOE Guillermo Meijón.
A cerimonia, que se celebrou na intimidade, durou apenas 20 minutos.
A ministra de Sanidade, Ana Mato; e a secretaria xeral do PP, María Dolores de Cospedal, entre outros, trasladáronse a pasada noite ao tanatorio para dar o seu pésame ao presidente do Goberno.
CONCORRIDO FUNERAL
Pola tarde, a familia Rajoy viuse arroupada por unha multitude na basílica de Santa María, na que ás 18.00 horas comezou un funeral en honor do falecido. A intimidade que caracterizou ao enterro transformouse nunha homenaxe multitudinaria no acto litúrxico, ao que asistiron autoridades que non estiveran pola mañá como a ministra de Fomento e amiga persoal da familia, Ana Pastor, acompañada polo seu marido, José Benito Suárez Costa.
Ademais dunha multitude de amigos e achegados e representantes da sociedade civil pontevedresa, acompañaron á familia o presidente Feijóo; o presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría; os conselleiros de Medio Ambiente, Economía e Cultura, Agustín Hernández, Francisco Conde e Jesús Vázquez; a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, e o seu marido, Alfredo Díaz-Grande; o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez; o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello; ou os ex conselleiros Xesús Palmou e Enrique López Veiga.
O presidente achegouse á prensa: "Muchas gracias. No era para hacer declaraciones, solo para darles las gracias"
Entre os que acudiron a Santa María tambien estiveron o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán; o voceiro do PP no Parlamento de Galicia, Pedro Puy; os alcaldes de Cotobade, Marín ou A Coruña e unha ampla representación do PP local como Jacobo Moreira, María José Rodriguez, Ana Isabel Vázquez, Pablo Fernández, César Abal ou María Biempica. Tamén lle acompañaron políticos do PSdeG-PSOE como o deputado Guillermo Meijón e o tenente de alcalde de Pontevedra, Antón Louro.
Rematado o funeral, sobre as 18.45 horas, os irmáns Rajoy permaneceron uns 45 minutos máis no interior da basílica recibindo o pésame. A continuación o presidente do Goberno tamén quixo ter un detalle coa prensa que esperaba ás portas do templo, achegouse aos profesionais da comunicación e agradeceulle a súa presenza alí: "Muchas gracias. No era para hacer declaraciones, solo para darles las gracias".
Rajoy chegara en coche sobre as 17.00 horas da tarde, case unha hora antes do enterro, acompañado pola súa muller e, pouco despois chegaban os seus irmáns Mercedes e Enrique. Tras recibir abrazos e agarimo de todos os presentes, volveu irse nun coche que lle recolleu ao pé da basílica. Á saída da avenida de Santa María cruzouse cun mozo que levaba toda a tarde situado a poucos metros do templo portando unha bandeira independentista de grandes dimensións. Foi identificado polas Forzas de Seguridade, pero non houbo ningún incidente.