Mariano Rajoy chega a Pontevedra pola morte do seu irmán Luis
Por Mónica Patxot
O presidente do Goberno, Mariano Rajoy, e a súa esposa, Elvira Fernández, chegaron ás 17.20 horas deste xoves ao tanatorio San Mauro de Pontevedra onde permanecen os restos mortais do seu irmán Luis Rajoy Brey.
Ata o tanatorio achegáronse familiares e amigos da familia así como varios representantes do partido pola relación e amizade que os une a Rajoy. Entre outros o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o presidente da Deputación, Rafael Louzán ou a presidenta do Parlamento galego, Pilar Rojo.
Este venres ás 12,00 horas terá lugar o enterro no cemiterio municipal de San Amaro, mentres que o funeral se celebrará ás 18,00 horas na basílica de Santa María La Mayor, segundo confirmaron as fontes da parroquia.
Luis Rajoy era un dos catro fillos que tiveron o maxistrado Mariano Rajoy Sobredo, que foi presidente da Audiencia de Pontevedra, e a súa esposa, Olga Brey López. Dáse a circunstancia de que o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, cumpre hoxe 59 anos.