A Policía Nacional desprega controis de seguridade en tres puntos de acceso á cidade nunha mañá
Por Diego Torrado & Natalia Puga
Varias patrullas do Grupo Operativo de Resposta (GOR) da Policia Nacional estableceron controis de seguridade preventivos ao longo de toda a mañá deste xoves nos accesos a Pontevedra, xerando grande expectación entre os condutores. Non transcendeu que se detectase en ningún deles a comisión de ningún delito.
Os axentes despregáronse en tres dos puntos de acceso á cidade con maior fluxo de tráfico, a avenida de Marín, a avenida de Vigo e a estrada de Vilagarcía. No caso deste último enclave, centráronse no ámbito do poboado do Vao.
Fontes da Comisaría de Pontevedra explicaron que se tratou de controis preventivos que se realizan de forma aleatoria en distintos puntos de verificación do municipio e se centraron en revisar vehículos e identificar os seus condutores e pasaxeiros. En total identificáronse 35 persoas e rexistraron 20 coches.
Segundo os datos achegados, o primeiro control realizouse na avenida de Marín e os axentes identificaron 14 persoas e realizaron un rexistro completo de nove vehículos. A media mañá realizouse o control da zona do Vao e neste caso as persoas identificadas foron 12, moitas delas con antecedentes policiais, e os coches revisados ascenderon catro.
O último dos dispositivos despregouse na avenida de Vigo, entre o supermercado Lidl e a primeira rotonda do Nó do Pino, a partir das 13.00 horas, unha hora de gran trasfego de tráfico na zona. Alí pediuse identificación a nove persoas e os axentes do GOR revisaron sete coches.