Demórase a solución xudicial para dez estafados na compra de cociñas
Por Natalia Puga
Dez pontevedreses que denunciaron entre 2009 e 2010 ter sido vítimas de estafa e falsificación das súas firmas nos trámites de compra dunha cociña deberán esperar, polo menos, ata xaneiro para obter unha solución xudicial ás súas queixas.
A Audiencia Provincial de Pontevedra sinalara para este xoves unha vista oral contra o presunto autor destas estafas, Fernando S.N., pero finalmente o xuízo quedou aprazado para o 22 de xaneiro porque o avogado do único acusado alegou que non tivera tempo a preparar o seu defensa.
Fernando S.N. enfróntase a sete anos de cárcere como autor dun delito contiuado de estafa e outro de falsidade, ademais do pagamento dunha multa de dez meses a razón de 10 euros diarios. Tamén solicita que indemnice as súas presuntas vítimas polas cantidades que se apropiou ao cobrarlles parte do custo das súas cociñas por adiantado sen que finalmente rematase o seu traballo.
Segundo denuncia o escrito de acusación do fiscal, o acusado cometeu estes delitos como propietario do establecemento Galicocinas S.L. que no momento dos feitos estaba situado na rúa Loureiro Crespo da capital. E para comenter esta infracción penal presentábase aos seus clientes como xerente e franquiciado da marca 'The singular Kitchen' a pesar de que esta marca internacional lle retirara a franquía.
Valéndose desta situación e "con ánimo de non cumprir os seus compromisos e de apoderarse de distintass cantidades de diñeiro" non colocaba as cociñas tras cobrar un adianto e falsificar o contrato coa financeira á que os compradores deberían pagar as súas cociñas.
En dez ocasións entre os anos 2009 e 2010 asinou contratos para a instalación dunha cociña, non rematou a súa colocación e, ademais, os mobles que si que instalou non eran da marca 'The Singular Kitchen' como contrataron os seus clientes e, ademais, tiñan moita menos calidade.