Nin súper nin diésel, broza
Por Oskar Viéitez
En Galicia as matogueiras ocupan unha superficie dun millón de hectáreas.
Cada verán comprobamos que se éstas non se xestionan ben poden arder e ocasionar perdas considerables.
Xeraría suficiente enerxía para abastecer 60.000 fogares
Dous investigadores da Escola de Enxeñaría Forestal do Campus de Pontevedra, Luis Ortiz e Daniel Vega, conscientes do seu potencial enerxético, lideraron un estudo sobre a calidade da maleza presente en territorio galego e portugués para ser empregada como combustible de biomasa.
"O aproveitamento da metade desta superficie de matogueira dispoñible en Galicia xeraría suficiente enerxía para abastecer 60.000 fogares cuns beneficios estimados de máis de 10 millóns de euros anuais", describe o experto Daniel Vega.
Este estudo, realizado en colaboración con varios investigadores da Universidade lusa de Tras-Os Montes e Alto Douro, UTAD, recolle as vantaxes de usar a maleza como recurso enerxético, entre elas, a diminución do risco de propagación de incendios ou a posta en valor de produtos autóctonos "coa xeración de empregos en sectores tan innovadores como o da bionerxía".
Convertiría un problema medioambiental nunha oportunidade de negocio
O aproveitamento da matogueira unido a unha estratexia eficaz de silvicultura "serían unha poderosa ferramenta para frear as queimas incontrolados de monte", advirte Vega que aposta ademais, para garantir a sustentabilidade deste uso, polo desenvolvemento de cultivos manexados para a produción de biomasa.
Os resultados deste estudo foron publicados na revista especializada Fuel, de primeiro índice de impacto e de referencia en calidade de combustibles.
Os especialistas conclúen que a relevancia destes combustibles en Galicia "é mais que importante", ademais de posibilitar a conversión dun potencial problema medioambiental nunha "oportunidade de negocio".