Decretan tres días de loito oficial pola morte de Adolfo Suárez, ex presidente do Goberno
Por Redacción
Adolfo Suárez González, presidente do Goberno entre 1976 e 1981 e figura clave da Transición española e dos albores da Democracia, faleceu este domingo en Madrid aos 81 anos de idade. Permanecía ingresado na clínica Cemtro, acompañado dos seus familiares, desde o pasado luns, cando chegou ao centro hospitalario afectado por unha infección respiratoria.
Retirado da vida pública desde hai once anos, tras ser diagnosticado con Alzheimer, Adolfo Suárez sufriu nos últimos días un empeoramiento neurolóxico progresivo, despois de que o venres o seu fillo Adolfo Suárez Illana anunciase que a súa morte era inminente. "ÿ a evolución natural da enfermidade a que o levou ao desenlace final", sinalaron os médicos que lle atenderon nos seus últimos días.
Aínda que se viu obrigado a dimitir como presidente do Goberno acosado polas críticas, Suárez sempre será recordado como un dos grandes artífices da Transición española. Procedente do réxime de Francisco Franco, entrou no primeiro Goberno de Arias Navarro, formado trala morte do dictador, e trala falta de apoios deste, foi elixido en 1976 polo Rei Juan Carlos I para formar un novo Goberno.
Malia as dúbidas que xeraba o seu nomeamento, pola súa mocidade e os seus vínculos coa Ditadura, Adolfo Suárez, coas armas do diálogo e o consenso, logrou desmontar as estruturas do réxime franquista e tras legalizar os partidos políticos, entre eles o Partido Comunista, conduciu ao país ás primeiras eleccións democráticas que celebraba España desde 1936. Os españois outorgáronlle entón a súa confianza.
Tralas eleccións, os seus grandes desafíos foron que España contase coa Constitución democrática e enfrontarse ao terrorismo de ETA e ao perigo golpista. A Carta Magna foi referendada en 1978 e apenas catro meses despois Adolfo Suárez gañaba por segunda vez unhas eleccións xerais. Non foi un mandato fácil. A crise económica e o ascenso da esquerda acurralárono e o 29 de xaneiro de 1981 presentaba a súa dimisión.
TRES DIAS DE LOITO OFICIAL
"Foi capaz de adaptarse aos tempos e liderar o camiño a unha democracia, limitada, pero con grandes avances en relación ao seu pasado", destacou Lores
O Goberno decretou tres días de loito oficial polo falecemento de Adolfo Suárez. A partir deste luns e durante o martes e o mércores, todas as bandeiras dos edificios públicos españois, ondearán a media asta. Ademais quedan suspendidos todos os actos oficiais que conleven celebracións, segundo o protocolo previsto para estas ocasións. Así se recollerá este luns no Boletín Oficial do Estado (BOE).
Desde o Concello de Pontevedra enviouse xa unha mensaxe de pésame á familia do ex presidente e respectarase este loito oficial. Así o confirma o propio alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, nun comunicado. Para este luns convocouse tamén unha Xunta de Portavoces extraordinaria para decidir se se mantén ou se suspende o Pleno municipal que estaba xa convocado para as 11.00 horas.
En canto á figura de Adolfo Suárez, Fernández Lores afirmou que malia ser unha persoa forxada no réxime franquista "foi capaz de adaptarse aos tempos e liderar o camiño a unha democracia, limitada, pero con grandes avances en relación ao seu pasado". Lideró a Transición "evitando así a necesaria ruptura democrática" segundo o alcalde, pero recoñece que baixo a súa presidencia "houbo máis avances en dereitos e liberdades que nas máis de tres décadas transcorridas dende a fin do seu mandato".
PÿSAME DESDE A DEPUTACIÿN
"Foi unha figura clave na historia do século XX en España (...) este país ten moito que agradecer á súa figura e á súa persoa", di Louzán
Tamén a Deputación de Pontevedra sumar ao pésame polo falecemento do ex presidente Adolfo Suárez. Nun comunicado remitido aos medios de comunicación, a institución provincial sinala que "en sinal de respecto e solidariedade", decidiron suspender todos os actos públicos e actividades previstas para os tres próximos días, o tempo que durará o loito oficial decretado este domingo polo Goberno.
Para Rafael Louzán, Adolfo Suárez "foi unha figura clave na historia do século XX en España, que se agranda co paso do tempo" e ademais de enviar os seus condolencias á súa familia fixo extensible este sentimento "a todos cantos senten a morte dunha persoa que contribuíu enormemente a consolidar a democracia en España". Asegura que "este país ten moito que agradecer á súa figura e á súa persoa".
Louzán, que recordou a vinculación de Suárez con Galicia e as súas estadías na Lanzada, recalcou a súa "herdanza política", sustentada en tres piares básicos como son "a vocación de servizo público, a súa capacidade de diálogo e a busca do consenso". Esta "traxectoria impecable" de Adolfo Suárez fíxoo merecedor, segundo sinalou, "do agarimo e o aprecio de todo un país, que hoxe lamenta a morte dun político exemplar e dun verdadeiro home de Estado".