As mariscadoras de Lourizán estrean este luns un novo punto de control
Por Oskar Viéitez
A conselleira do Medio Rural e do Mar e o alcalde de Pontevedra inauguraron unhas novas instalacións no lugar do Cabo, situadas ao pé da autovía que comunica Marín con Pontevedra, que darán servizo a 137 mariscadoras da Confraría "Santo André" de Lourizán e tamén tamén ás de Pontevedra e Raxó, cando se leven a cabo labores do Plan Conxunto, polo tanto este punto de control supón un beneficio en termos de tempo, comodidade e seguridade, para case 400 profesionais.
A Consellería destinou preto de 180.000 euros á construción do novo punto de control do marisqueo.
A presidenta da Confraría, María del Carmen Vázquez Nores, explicou que estas instalacións son básicas para a xestión do marisqueo e engadiu que serán de gran utilidade no seu labor diario.
Ata agora a confraría de Lourizán, cunha importante actividade do marisqueo a pé, non dispoñía dunhas instalacións axeitadas para a realización dos labores de control e clasificado do marisco capturado no banco de Placeres, debendo cruzar as mariscadoras a autovía Pontevedra-Marín para poder acceder ao local do pósito onde dar conta do produto capturado.
O punto de control do marisqueo en Lourizán é un edificio construído en estrutura de madeira laminada con acabado en madeira envellecida para adaptarse ao entorno das pasarelas existentes.