Pontevedra despide o exconcelleiro Manuel Rodríguez Pousada, un dos pais do seu Entroido
Por Oskar Viéitez
Manuel Rodríguez Pousada, concelleiro en Pontevedra na década dos anos 80, faleceu este xoves aos 67 anos de idade.
O seu corpo está a ser velado na Sala número 1 do tanatorio de San Mauro de Pontevedra de onde partirán os restos mortais ás 17.45 horas deste vernres cara ao templo de Virxe do Camiño. O funeral celebrarase ás 18.00 horas desta tarde. Posteriormente procederase á súa incineración na intimidade familiar.
Manuel Pousada foi o concelleiro de Cultura e Deportes no goberno local presidido polo alcalde José Rivas Fontán, que o recordou como "un excelente colaborador" e destacou o seu "amor profundo por la cultura gallega".
Rivas Fontán subliña que Pousada foi unha das persoas que recuperaron o Entroido pontevedrés, "que hasta entonces estaba reducido a grupos particulares, pero que con Manolo se institucionalizó" coa recuperación da súa mascota, o loro Ravachol e a oficialización dalgún dos seus personaxes como o rei Urco.
Na orde deportiva, o exalcalde Rivas Fontán destaca o seu traballo para dar unha personalidade xurídica ao Pavillón de Deportes "una figura que estaba diluida en la administración municipal".
O exalcalde recorda a Manolo Pousada como un home que ao contrario que outros compañeiros do seu partido naquela corporación dos anos 80, non estaba escorado á dereita nin pertencía a ese clasismo pontevedrés "Manolo significaba el hombre liberal, el hombre que entendía a todo el mundo, que entendía las ideas de Justicia y Libertad como no era frecuente en muchos de aquel grupo", entre os que estaban polícitos como Joaquín Queizán ou Mariano Rajoy.
A figura de Manolo Pousada aparece vinculada a dúas iconas, a capa e a queimada. Con esta última logrou inscribir a Pontevedra no Libro Guinnes de los Records pola elaboración dunha queimada con máis de 1.000 litros de augardente.
Afastado da política por motivos de saúde, a súa última aparición pública tivo lugar en agosto do ano 2009 cando recibiu na súa casa de Cotobade unha medalla conmemorativa do Bicentenario da Guerra da Independencia, por ser descendente dos irmáns Hilarios, heroes da citada guerra.