Promoción Económica calcula que os congresos deixarán este ano 2 millóns de euros na cidade
Por Diego Espiño
Potenciar Pontevedra como destino para a organización de congresos e "competir en el nicho del turismo de negocios" é o obxectivo que se marca a concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, que este martes presentou o calendario congresual para o presente ano.
Ademais dos xa celebrados PonteStock, Si Quero e Edugal, a cidade contará con outros 15 eventos entre feiras e congresos repartidos ata final de ano, cos que esperan obter "un resultado económico de unos dos millones de euros", segundo recoñeceu Román.
A concelleira fixou entre "50.000 y 60.000" os asistentes previstos nas diferentes xornadas nunha programación anual que cualificou de digna "en contraste con la tendencia a la baja de otros centros de congresos de Galicia".
Entre os eventos que terán como sede a cidade de Lérez destacan feiras como a pasarela de moda Ponmo, o encontro de Intermodes no que se debaterá sobre o modelo urbano de Pontevedra, ou Ponte Emprego.
Todo o calendario, así como as carácteristicas que ofrece a cidade para organizar congresos, pódense consultar na páxina web www.congresos-pontevedra.com que se acaba de poñer en funcionamento.