A igrexa de San Bartolomeu conmemora o seu tricentenario cun amplo programa de actos
Por Oskar Viéitez
A igrexa de San Bartolomeu conmemora o seu tricentenario cun amplo programa de actos co que pretende poñer de relevancia a repercusión social que nesta cidade tivo o asentamento dos xesuítas e a creación da parroquia.
O obxectivo, tal e como sinalou o cura párroco desta freguesía, Raúl Lage, é que a conmemoración deste tricentenario "transcenda o ámbito meramente relixioso" e implique a "todos os estamentos da sociedade pontevedresa".
O párroco fixo estas declaración durante unha rolda de prensa de presentación dos actos organizados, na que a deputada provincial, Ana Isabel Vázquez, subliñou que a forte vinculación de San Bartolomeu coa Deputación de Pontevedra a través do edificio Sarmiento, hoxe sede do Museo- fai que a "sexa unha oportunidade perfecta" para achegar á cidade e a todos os que a visitan a unha parte esencial da súa historia.
Entre as actividades programadas figura a mostra "De templo xesuíta a parroquia de San Bartolomeu", coa que se pretende percorrer toda a historia da fundación da parroquia, desde as súas orixes coa construción do colexio, a igrexa e os anexos dos xesuítas ata a expulsión desta orde e a creación da parroquia de San Bartolomeu (que inicialmente se consagrou baixo a advocación da Virxe da Inmaculada e do Bo Consello).
A mostra, que inclúe unha visita á propia igrexa, será inaugurada o 6 de xuño e estruturarase en 7 apartados.
Nun primeiro abordarase a fundación do Colexio da Compañía, no que se incluirán documentos históricos, planos, debuxos, fotografías das escavacións e materiais atopados nelas como moedas, fragmentos cerámicos do s. XVII-XVIII, crucifixos .
Unha segunda parte da mostra achegará ao visitante á historia da construción do colexio e a igrexa con todas as súas vicisitudes; en un terceiro bloque exporanse diferentes elementos artísticos, como retablos e esculturas, fotografías históricas da evolución e dos cambios nos retablos das igrexa e imaxes que forman parte do tesouro da igrexa e que habitualmente non están en exposición pública.
Complétase a mostra cun apartado de orfebrería relixiosa e xoiería na que se incluirán ornamentos e xoias cedidos pola parroquia para a mostra; outro dedicado á expulsión dos Xesuítas, con diversos documentos e libros do Padre Isla, Padre Amoedo Carballo; e un sexto apartado que, baixo o título 1844. De Igrexa da Compañía a Parroquia de San Bartolomeu, abordará esta transformación a través de documentos históricos, cadros, vistas do edificio e fotografías históricas.
Pechará a mostra un percorrido polos diversos usos que tivo o edificio desde a expulsión dos xesuítas ata a actualidade (fábrica de tecidos, Instituto Provincial, Hospicio, Museo, Escola de Enfermería, etc).
CICLO DE CONFERENCIAS
Paralelamente, organízase un ciclo de conferencias que dará comezo o 5 de xuño, cun relatorio sobre "Unha parroquia urbana na Galicia da Idade Media e Moderna: San Bartolomeu O Vello de Pontevedra", que pronunciará Jesús Niño Sánchez-Guisande.
O 12 de xuño terá lugar a segunda conferencia, na que se analizará a "Historia, espazo urbano, arquitectura e evolución da Igrexa e Colexio dos Xesuítas de Pontevedra", a cargo do director do Museo, José Carlos Valle Pérez, e da conservadora Mª Ángeles Tilve Jar.
O 19 de xuño, unha tercera conferencia achegará aos interesados á relevancia artística de San Bartolomeu a través da conferencia "Os Retablos e a escultura da Igrexa de San Bartolomeu", a cargo de Juan Manuel Monterroso Montero; para pechar este ciclo un relatorio centrado na repercusión na educación da presenza dos xesuítas en Pontevedra, cunha conferencia titulada "Os xesuítas e as súas Escolas de Gramática", a cargo de José Manuel Domínguez García.
Un concerto de música sacra do coro do Liceo Casino de Vilagarcía completará o programa de actos desta conmemoración.