O Náutico de Sanxenxo eliminará oito pivotes de suxección do pantalán
Por Redacción
Portos de Galicia vén de admitir a trámite este xoves unha modificación da proposta de accesos ao pantalán que está a construír o Real Club Náutico de Sanxenxo.
A entidade deportiva propón unha variación nos accesos, que o ente público valora "positivamente" ao entender que "supón unha mellora ao proxecto".
Segundo trasladan fontes oficiais de Portos de Galicia, a proposta presentada supón un cambio na ubicación da pasarela que une o pantalán en construción con terra, de modo que evite discorrer sobre o areal portuario dos Barcos. "Isto suporá a eliminación dos oito pivotes previstos como suxeición da pasarela, de xeito que ningún deles quedará finalmente instalado no areal", di Portos de Galicia.
A resposta oficial do gabinete de comunicación da consellería do Medio Rural e do Mar e que con esta solución técnica plantexada dende o Real Club Náutico de Sanxenxo e admitida a trámite por Portos de Galicia, "ambos organismos dan proba da súa determinación de traballar en profundidade e con pleno rigor na busca da mellor alternativa posible para a integración do novo pantalán na actual estrutura do porto".
Para levala á práctica canto antes, o ente público xestionará con "máxima celeridade" a solicitude de modificación de proxecto presentada polo club.