Requiren a retirada de 30 vehículos abandonados nas rúas de Pontevedra
Por Redacción
O Concello de Pontevedra dá un prazo improrrogable dun mes para que os propietarios de 30 vehículos abandonados en distintos puntos do municipio os retiren do lugar no que se encontran estacionados.
O aviso sae publicado no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e sinálase que, no caso de que non sexan retirados, se realizará a súa entrega a un Centro autorizado de Tratamento sobre xestión de vehículos ao final da súa vida útil. Tamén cabe a posibilidade de que, se se encontra en bo estado, poida ser adxudicado aos servizos de vixilancia e control de tráfico.
Ademais, se non se procede á retirada no prazo dun mes, o Concello poderá establecer os propietarios sancións que oscilan entre os 600 e os 30.000 euros para supostos de infracción grave, con retirada do vehículo polo guindastre coma se se tratase dun residuo sólido urbano atendendo á normativa ambiental recollida na Lei de Tráfico. Durante o prazo dun mes tamén se poden presentar alegacións a esta decisión.
Cinco dos vehículos que aparecen na relación encóntranse xa nas dependencias do depósito da grúa á espera da súa retirada polos donos. A rúa Ponte do Couto e o campus universitario son os outros lugares do municipio nos que se rexistra un maior número de vehículos abandonados, que na súa maioría son turismos, algúns deles matriculados a nome de empresas, aínda que na lista tamén aparecen un camión e unha motocicleta.