Legalizan a primeira nave rural construída sen licenza antes da aprobación do PGOU de 1989
Por Redacción
Disgándara, unha empresa que se dedica á venda de martillos neumáticos, é a primeira compañía que logrou regularizar a situación da nave industrial ou comercial na que se atopa. ÿ unha das máis de vinte cuxo estado analizan os técnicos municipais nas parroquias do rural con vistas á súa legalización urbanística. Así o anunciou este martes o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro.
Esta empresa, que desempeña a súa actividade nunha nave situada no lugar da Ferreira (Lérez), do mesmo xeito que o resto que están inmersas neste proceso de regularización, construíu a súa nave sen contar coa pertinente licenza municipal antes de aprobarse en 1989 o plan urbanístico en vigor. Coa aprobación da Lei do Solo de Galicia, estas naves quedaran en situación de fóra de ordenación, coa conseguinte inseguridade xurídica.
Con este trámite, Disgándara poderá seguir mantendo a súa actual actividade empresarial con todas as garantías legais, poderá inscribir a nave no Rexistro da Propiedade e facer as obras que considere necesarias para a súa conservación e mantemento, segundo detallou Antón Louro. O edil socialista sinalou a importancia de eliminar estas trabas administrativas para "impulsar ao máximo" a actividade económica e os postos de traballo no rural.
En total, o Concello de Pontevedra recibiu un total de 60 solicitudes para regularizar a situación de naves industriais e comerciais ou vivendas unifamiliares nas quince parroquias do rural pontevedrés. De todas elas, trala resolución das correspondentes alegacións tan só se segue adiante cos trámites para a metade delas, unhas 20 empresas e preto dunha decena vivendas particulares.
Antón Louro explicou que os servizos urbanísticos municipais rexeitaron o resto por varios motivos, entre eles, que os inmobles en cuestión foran construídos logo da entrada en vigor do PGOU, que actualmente non contan con actividade económica algunha, ou que esta non se corresponde coa que tiña na súa orixe.