Falecen dous veciños do Grove nun accidente de circulación en Zamora
Por Redacción
Dous veciños do Grove faleceron esta madrugada nun accidente de circulación na localidade zamorana de Fuentes de Ropel.
Segundo informa a Radio Galega, citando datos aportados polo servizo de urxencias de Castela e León 112, as vítimas, Francisco I.R., de 33 anos, e Juan Manuel A.R., de 55, viaxaban nun camión cargado de froita cando, por causas que se descoñecen, o vehículo envorcou pasadas as 3:00 horas.
A esa hora unha chamada atendida no servizo de urxencias avisou dun camión envorcado que transportaba froita no quilómetro 95 da estrada N-610, á altura de Fuentes de Ropel, a consecuencia do cal resultaran feridas as dúas persoas que viaxaban no vehículo, que ademais permanecían atrapadas no seu interior.
Mobilizáronse efectivos da Garda Civil de Tráfico de Zamora, aos Bombeiros de Benavente e a Urgencias Sanitarias - Sacyl, que enviou unha UVI móbil e unha ambulancia de soporte vital básico. Xa no lugar dos feitos os facultativos de Sacyl confirmaron o falecemento das dúas persoas.
Ambos os dous traballaban para a empresa grovense Transportes Cameselle.