O Náutico de Sanxenxo e SOS Panadeira crúzanse denuncias por agresións
Por Redacción
O Real Club Náutico de Sanxenxo (RCNS) emitiu un comunicado no que asegura que "unha vez máis os integrantes de SOS Panadeira fixeron oídos xordos ao ditado polo Xulgado", nesta ocasión, segundo a versión que trasladan dende este club, os opositores ao proxecto de ampliación dos amarres "impediron aos traballadores do Náutico realizar o valado da zona de obra dos peiraos tal e como esixen as medidas de seguridade".
Dende SOS Panadeira rexeitaron estas acusacións e aseguraron que a súa protesta consistiu nunha limpeza da praia dos barcos para reivindicar o seu "dereito a gozar deste espazo público".
VERSIÿN DO NÁUTICO
En torno ás 16:00 horas deste xoves "retomábase a instalación dos valos repoñendo as que SOS Panadeira retirara", un labor que foi impedida por integrantes da plataforma SOS Panadeira, "golpeando mesmo un deles no peito do empregado, feito que xa se denunciou. Así mesmo, o xefe de obra denunciou ante a Garda Civil a retirada dos valos".
Dende o RCNS afirman que en "reiteradas ocasións" dende o inicio das obras, os integrantes de SOS Panadeira "obstaculizaron o desenvolvemento destas a pesar de contar con todos os permisos pertinentes".
"Despois de romper os carteis informadores, botar os valos ao areal e romper as fitas de aviso de obra unha e outra vez, de forma sistemática, teñen o cinismo de denunciar na inspección de traballo que a obra está sen sinalizar", reza o escrito. Dende o Náutico deron conta destes feitos á inspección de traballo que compareceu a verificalos no lugar das obras.
Finalmente o comunicado do RCNS engaden que "ao longo do día hoxe integrantes de SOS Panadeira se dedicaron a lanzar pedras a unha das estacas. A oficina técnica da empresa encargada da obra está a estudar os danos que isto puido provocar na estaca n.º 1 para avaliar estes e verificar se é necesario substituír a devandita estaca ou reparalo".
VERSIÿN DE SOS PANADEIRA
Lupe Gómez, voceira de SOS Panadeira asegurou que unha ducia de integrantes da plataforma protagonizaron unha "quedada reivindicativa pola dignidade dos espazos comúns democráticos".
Estes traballos consistiron na limpeza da praia, recollendo as pedras dispersas por todo o areal e facendo un abasto de todos estes materiais en torno ao pilote que está instalado en metade do areal "a xeito de monumento funerario polo fin dun proxecto invasor", chanceou esta voceira.
Respecto á agresión, a versión que ofrecen dende SOS Panadeira é radicalmente distinta á do Real Club Náutico. Segundo os voceiros da plataforma, tan só se defenderon agarrando un valo para que esta non golpease un dos participantes da protesta. Traballador e manifestante coincidiron agarrando o valo, sen que existise ningún tipo de lesión, unha versión que sosteñen numerosas testemuñas que acompañan coa súa firma a denuncia presentada ante a Garda Civil e á que tivo acceso PontevedraViva.