O xulgado obliga a Transa a pagar a extra de marzo de 2012
Por Redacción
Dúas sentenzas do Xulgado do Social número 3 de Pontevedra obrigan a que a empresa de ambulancias Transa teña que aboar aos traballadores a paga extra de marzo de 2012.
Nun dos fallos,según informa o sindicato Comisións Obreiras (CC.OO.), o Xulgado desestima a reclamación na que Transa solicitaba a devolución aos traballadores dunhas cifras de arredor de 1300 euros percibidas no mes de marzo dos anos 2011 e 2012. A empresa argumentaba que entón non formaba parte da asociación patronal FEGAM, que asinara o acordo cos sindicatos para aboar esa paga extra.
Pola súa banda, os traballadores que deixaran de percibir, dende o mes de xullo de 2012 ata o mes de decembro dese mesmo ano, a paga extra de marzo rateada, presentaron outra demanda reclamando as cantidades deixadas de percibir e que agora a empresa deberá aboar, como consecuencia de que o Xulgado do Social estimase a demanda de CC.OO.
Segundo o sindicato, esta falta de acordo sobre a paga extra provocara o inicio do conflito laboral en Transa como consecuencia das prácticas empresariais que os traballadores consideraban abusivas.
CC.OO. entende que agora o 061 e o Sergas deben tomar nota destas sentenzas condenatorias a esta empresa por non respectar os dereitos laborais do equipo.