Deteñen dous homes por diversos roubos de ferramentas e de gasóleo
Por Redacción
A Garda Civil detivo a A.M.G., de 32 anos de idade e veciño de Vilagarcía de Arousa e a V.C.P., de 37 anos e con domicilio en Vilanova de Arousa, como supostos autores dun roubo con forza nun rocho en Vilagarcía.
Segundo informan fontes oficiais do Instituto Armado, a investigación arrancou o pasado día 18 cando se presentou unha denuncia no Posto da Garda Civil de Vilagarcía de Arousa polo roubo nun rocho dun edificio da devandita cidade do que subtraeron diversas ferramentas valoradas en máis de 12.000 euros.
As pescudas deron como resultado a detención dos supostos autores así como á recuperación de parte dos efectos subtraídos.
No trascurso da instrución das dilixencias e continuando coas investigacións impútaselle, tamén a A.M.G., unha decena de roubos de gasóleo en camións e depósito da calefacción dun centro escolar así como ferramentas, todos perpetrados dende o mes de marzo do pasado ano ata o mes actual, nos municipios de Vilanova de Arousa e Cambados.
Os detidos, que contan con antecedentes policiais, quedaron en liberdade coa obriga de presentarse ante o Xulgado de Instrución número tres dos de Vilagarcía de Arousa, cando para iso sexan requiridos.