UGT gaña as eleccións sindicais en ENCE e presidirá o comité de empresa ata 2018
Por Redacción
As eleccións sindicais que se celebraron ata última hora da noite do mércores 19 na fábrica de ENCE con alta participación do persoal provocaron un cambio na forza maioritaria dentro da factoría. O sindicato UGT foi o que máis votos solicitou logrando catro representantes dentro do novo comité. O sindicato nacionalista, que ata agora ostentaba a presidencia do comité de empresa, logrou tres representantes mentres que Comisións Obreiras obtiña dous. A candidatura de CSIF, a cuarta central que se presentaba a estas eleccións na factoría de Lourizán, non conseguía representación nestes comicios.
Este proceso electoral que tiña a súa celebración prevista para abril de 2013 trasladárase ata 2014 debido ao conflito laboral que se viviu en ENCE a raiz da presentación dun ERE por parte da empresa que pretendía eliminar 39 postos de traballo en Lourizán. Finalmente, o conflito resolveuse durante o verán de 2013 cun acordo entre os sindicatos e a empresa que establecía once baixas incentivadas ou a través de prexubilacións. O descenso de traballadores no cadro de persoal da fábrica supuxo tamén unha diminución do número de representantes sindicais do equipo dende as anteriores eleccións que se desenvolveron en 2009.
PEDRO SOTO, CANDIDATO DE UGT
Tras os resultados do sufraxio establécese agora un prazo para constituír o comité de empresa cun novo presidente que substitúa a Jesús Graña Gómez, representante da CIG, que veu ocupando o cargo nos últimos anos. Segundo o secretario comarcal de UGT, Ramón Vidal, o nome que se vai presentar para esa presidencia por parte deste sindicato será o de Pedro Soto Blanco, que xa ocupara o cargo nun período anterior, "porque ten moita experiencia e nos agardan catro anos moi duros antes de 2018". Vidal indicou que queren manter un período de consenso dentro do comité ante los retos que se presentan sobre o futuro da factoría en Lourizán.