Unha morea de razóns para falar galego
Por Redacción
Existen infinidade de razóns para falar galego e apoiar o uso do idioma. Un bo feixe delas atópanse este mércores a disposición de cantos se acheguen pola Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación en forma de suxestivos lemas, cos que fotografarse no photocall ou pousadoiro instalado no marco da campaña Gústame o galego!
Coa idea de facer visible o apoio individual de profesorado, alumnado e do resto da comunidade universitaria ao idioma, esta iniciativa propón a todos eles que posen diante da cámara xunto a frases como 'Gústame aprender e ensinar en galego e que as clases sexan maXistrais' ou 'Gústame que non me traduzan o café con leite'.
En total, son preto de corenta os lemas entre os que se pode escoller para participar nesta campaña, á que esta mañá se sumou a vicerreitora do campus de Pontevedra, Antonia Blanco, e o decano de Ciencias Sociais e da Comunicación, Juan Manuel Corbacho.