A Garda Civil detivo ao suposto autor dun roubo nun bar de Vilagarcía de Arousa
Por Redacción
A Garda Civil detivo a V.C.P., de 37 anos de idade e veciño de Vilanova de Arousa, como suposto autor dun delito de roubo nun bar de Vilagarcía.
Segundo informan fontes oficiais do Instituto Armado, o suceso tivo lugar o pasado día 13 de febreiro, despois de forzar a porta de entrada o autor ou autores do roubo accederon ao interior onde se apoderaron do diñeiro da caixa rexistradora.
Estes feitos foron denunciados polo dono do establecemento na Comisaría do Corpo Nacional de Policía da devandita localidade.
A detención produciuse na tarde do día 17 dos correntes, por parte de compoñentes do Posto da Garda Civil de Vilagarcía de Arousa.
O detido, que conta con antecedentes policiais, quedou en liberdade coa obriga de presentarse ante o Xulgado de Instrución número dous dos de Vilagarcía, cando para iso sexa requirido.