Detidos in fraganti cinco membros dun grupo itinerante cando regresaban do seu último roubo
Por Redacción
Axentes da Policía Nacional detiveron en Vigo os cinco membros dun grupo criminal itinerante dedicado ao roubo en establecementos comerciais de Galicia instantes despois do seu último golpe. No momento do arresto transportaban en dous vehículos pezas de roupa de coñecidas marcas valoradas en 85.000 euros, procedentes dunha tenda na que acababan de roubar.
Tras perpetrar os asaltos, transportaban o roubado ata Madrid en furgonetas de aluguer. Polo momento impútanselles tres asaltos.
A investigación foi iniciada no mes de setembro de 2013, a raíz da detención de dúas persoas en Pontevedra cando se encontraban realizando un butrón para acceder a un estanco da rúa Fernando Olmedo.
As primeiras pescudas apuntaban a que os dous arrestados poderían pertencer a un grupo criminal máis amplo, asentado en Madrid e dedicado aos roubos con forza en establecementos comerciais mediante un modus operandi moi concreto. Os obxectivos eran perfectamente estudados con anterioridade ao roubo, co fin de determinar o punto débil onde realizar a entrada e, un día antes de cometer a subtracción, algún membro do grupo alugaba unha furgoneta de grandes dimensións con capacidade para o transporte do botín obtido ata Madrid, onde era vendido de inmediato.
Durante a investigación os axentes detectaron un dos membros desta organización conducindo unha furgoneta de aluguer e estableceron un dispositivo de control sobre esta. Ademais da furgoneta, comprobouse que un vehículo que a acompañaba facía de "lanzadeira" para detectar eventuais controis policiais. Os axentes seguiron o convoi ata Vigo, onde interceptaron os dous vehículos e detiveron os seus ocupantes. O interior da furgoneta encontrábase repleto de pezas de roupa valoradas en 85.000 euros, pertencentes a importantes firmas comerciais e procedentes dunha tenda de roupa á que momentos antes conseguiran acceder. Tras o arresto, os axentes descubriron que os membros desta banda de ladróns efectuaran roubos en Pontevedra, Verín e Vigo.
A investigación foi levada a cabo por axentes do Grupo I da Sección Europa do Leste da UDEV Central da Comisaría Xudicial de Policía Xudicial, axentes da Brigada Provincial de Policía Xudicial de Pontevedra e axentes do Grupo II da UDEV da Comisaría de Vigo.