O tenente de alcalde da Lama devolveu os cartos cobrados "por error" tralo seu cese, segundo Jorge Canda
Por Redacción
Juan Carlos Piñeiro, o tenente de alcalde da Lama que dimitiu para irse a traballar a México, cobrou unha indemnización ao deixar o seu cargo. Así o recoñece o propio Jorge Canda, alcalde do municipio. Pero asegura que todo se debeu a un "erro administrativo na confección das nónimas" xa solucionado e que o interesado xa devolveu todo o diñeiro cobrado irregularmente nesta liquidación.
Nunha resposta por escrito ás preguntas da oposición, Jorge Canda sinala que a indemnización abonada xerouse automáticamente por parte do programa informático que xestiona as nóminas do persoal municipal e que ao abonarse a nómina por medio de transferencias electrónicas "o erro transcendeu con posterioridad ao seu pago".
Insiste Jorge Canda que ao comprobar o sucedido, Juan Carlos Piñeiro devolveu integramente o importe "indebidamente percibido" e reitera que esta circunstancia ocorreu unicamente no caso deste cese. "Ningún cargo electo desta Corporación en réxime de dedicación exclusiva percibiu esta indemnización ao cursar a súa baixa na Seguridade Social ao final de cada periodo lexislativo municipal", conclúe o alcalde.
Pero á oposición non lle bastan estas explicacións. O portavoz do PSdeG-PSOE, Enrique Vaqueiro, esixe a inmediata dimisión do alcalde da Lama, xa que asegura que "a manipulación de diñeiro público coma se fose un cortixo privado é, simple e llanamente, reprobable". Ademais, insiste en que o presidente provincial do Partido Popular debe "responder con contundencia ás ilegalidades realizadas polos seus militantes na Lama".
Neste mesmo sentido, Erudina Souto, portavoz do BNG, únese á petición de dimisión porque afirma que o sucedido é unha mostra da "xestión chapuceira" que se leva a cabo no municipio. Asegura que se deixa en mans de persoal "que responden a criterios de confianza persoal do propio alcalde", o que leva, sinala, a Jorge Canda "a crerse por encima do ben e do mal" e estar "totalmente influenciado polo nepotismo e a incompetencia".