Francisco Freire Vila
Leo ou escaneo?
Internet converteu as persoas en produtoras de información. Blogs, webs, redes sociais, foros, etc, permiten que calquera poida comunicar algo aos demais con posibilidade de chegar a uns 2.500 millóns de usuarios. A humanidade actual xera cada 2 días a mesma información que xerou a nosa especie durante case 5.000 anos. Por outra banda, en cada minuto realízanse 2 millóns de consultas en Google, é dicir, o ser humano converteuse en poco tempo nun gran produtor de información pero tamén un gran consumidor de cibertextos.
Posiblemente sexa esta unha das razóns pola que se estean producindo cambios no modo de lectura. Moitos estudos coinciden en sinalar que os usuarios de internet non realizamos unha lectura lineal, senón que escaneamos a pantalla en forma de F. Lemos as dúas primeiras liñas, baixamos pola esquerda e detémonos no centro. Despois abandonamos de novo a lectura lineal e baixamos cara á parte inferior esquerda. O resultado final é que as persoas realmente lemos menos do 20% do contido dunha páxina web e moitos usuarios dedicamos ata un 69% da nosa atención á beira esquerda da pantalla, e só o 30% á parte dereita.
Con todo, este modo de lectura non ten por que ser incompatible co modo lineal, de feito empregámolos en función das circunstancias, por exemplo, para buscar e identificar informacións concretas facemos un escaneo, do contrario tardariamos moitas horas en determinar se a información responde ou non ao que estamos buscando. Cando atopamos algo que nos interesa ou lemos un libro, entón é cando facemos unha lectura lineal e reflexiva.
Agora ben, non debemos dar por feito que os nenos e mesmo os adolescentes adopten as dúas formas de lectura por un igual. A tendencia neles é o escaneo se non se lles reconduce cara a lectura lineal porque, de entrada, o noso cerebro tende a aforrar esforzos, porque os nenos aínda teñen pouca experiencia na lectura lineal e reflexiva e porque a lectura dunha páxina web ou un contido da rede ben deseñado resúltalles moito máis atractivo, en especial aos máis pequenos. A mestura de cores, imaxes en movemento, fotografías, enlaces a outros sitios, emoticóns, vídeos, etc, satisfán a constante e innata curiosidade do noso cerebro e poden telo entretido sen permitirlle centrar a súa atención e pararse a analizar.
Quizais sexa por iso que os máis pequenos, e non tan pequenos, teñen unha necesidade constante de cambiar de tarefa para recibir novos estímulos, que fallen en comprensión lectora e que tendan á distracción ou mesmo á hiperactividade. Penso que hoxe, máis que nunca, é necesario reforzar a lectura lineal e analítica para profundar, asimilar e afianzar información, datos e conceptos. Isto tamén debe adestrarse, por iso, que os nenos lean libros debe ser unha prioridade para pais/nais e educadores.