Ramiro Espiño
72 anos despois
Non, non teman. Non vou facer historia. Non quixera aburrir cun relato xa repetido ata a saciedade e por iso de coñecemento maioritario. Ademais, que se pode achegar que non fose dito antes? Pero si creo que convén recordar que hoxe, precisamente hoxe, hai 72 anos, nacía o Pontevedra C.F., aínda que só sexa para facer reflexión sobre as grandes diferenzas que separan ambas as dúas datas, pero especialmente sobre as grandes diferenzas que separan os protagonistas daquel histórico "Pacto das Palmeiras" de bastantes dos que actualmente ocupan, que non exercen, cargos de dirección no club, agora (por desgracia) sociedade anónima.
Porque aquel Pontevedra nacía da unión, do amor a un deporte, a unha cidade e a unhas cores. Da integración. Pero sobre todo da ILUSIÿN de todos os que o crearon e creron nel.
E 72 anos despois, este Pontevedra actual está sometido ao despotismo duns poucos, que condicionan cos seus actos e manobras na sombra, o futuro dunha entidade histórica e querida pola maioría dos pontevedreses, ata o punto de poñer en serio risco ese futuro que podería e debería ser cando menos esperanzador.
Por iso, dende o coñecemento adquirido en máis de 50 anos seguindo (e querendo) este club. Dende os xa máis de 30 anos dedicados a informar sobre os avatares do Pontevedra, tantas veces sacudido por tempestades que lle situaban a punto de estrelarse contra as rochas e afundirse de forma irremediable, pero conseguindo sempre sobrevivir e saír a flote, ás veces de forma milagrosa, creo que chegou a hora de dicir ben alto: ABONDA XA!
Nunca, repito, NUNCA, nos seus 72 anos de historia o Pontevedra estivo tan á deriva como na actualidade.
Nunca, nin nos peores momentos, o Pontevedra chegou tan baixo, deportiva, social e institucionalmente, pero especialmente en canto aos que debesen representalo (e, ollo!, neste último sentido convén matizar, polo que poñerei nome e apelidos, que hai tanto en xogo que non é cuestión de andarse con medias tintas).
Quizais poucos recorden xa que non hai tanto o Pontevedra pasou por momentos moi delicados, que o situaron ao bordo da desaparición. Quizais sexan poucos os que recorden que a entidade alcanzou unha débeda de máis de 700 millóns de pesetas, a finais do século pasado, que eran moitas pesetas. Que rematada unha tempada había que conseguir máis de 30 millóns de pesetas (a principios dos 90) para evitar o descenso e a desaparición, que mesmo houbo en período en que os mesmos xogadores se fixeron cargo do club.
Todo iso superouse. Coa quíta e espera propiciada por Gerardo Lorenzo, que fixo descender esa débeda a algo menos de 200 millóns. Cunha campaña organizada a través de Radio Pontevedra, da man de Antonio Reguera, o recordado Tito García e un servidor, apoiados por un bo grupo de amigos, para conseguir en apenas un par de meses máis de 40 millóns (que tamén eran moitos millóns). Coa entrega dos xogadores de entón, que non dubidaron en vender bocadillos ou servir copas en locais para recadar fondos. Co valor de Pedro Antonio Rivas, botándose ao monte e presentando a súa candidatura á presidencia sen máis respaldo que o seu pontevedresismo.
Saben o que nos unía a todos? O amor polo Pontevedra. E ségueo facendo. Por iso, neste 72 aniversario da fundación do club, volvo dicir: ABONDA XA!
Esta entidade non pode seguir así. ÿ viable, perfectamente viable tras o proceso concursal. Pero hai que facer fronte aos compromisos e para iso hai que xestionar, deportiva e economicamente. E para poder facer iso, antes hai que purificar o ambiente. Non se pode tolerar que o club estea en mans de quen nin o quere, nin lle importa un carallo. De quen antepón os seus caprichos persoais, os seus rancores, ás súas obrigas.
Non se pode tolerar que un consello de administración integrado por sete membros, teña só tres dispostos a estar no día a día (Fernández, Millán e Durán), un que quere o Pontevedra, pero a quen a distancia non lle permite máis (Tilve) e outros tres dos que me ocupo agora. Porque esta situación leva ao desgoberno, e porque ademais, o resultado da xestión que realizaron, especialmente nos dous últimos anos, só se pode cualificar de nefasta.
Para non me estender demasiado, que tempo haberá para entrar en matices se fose necesario en comentarios posteriores, dicir que o funcionamento do consello non debe seguir así nin unha semana máis. Non son de recibo, e atrévome a asegurar que mesmo podería incorrer en responsabilidades legais, as reiteradas inasistencias dalgúns conselleiros que condicionan a celebración de reunións ou mesmo chegan a facelas inviables por falta de quorum. Escoitar os equilibrios que ás veces teñen que facer nas súas declaracións públicas o presidente, ou onte mesmo Milo, para non empregar a expresión "reunión do consello" cambiándoa polo eufemismo "reunión de traballo dos conselleiros", causaría hilaridade, se non fose porque en realidade resulta patético.
Se un contrato laboral pode extinguirse por faltas de asistencia ao traballo, xa hai empresas nas que se regula que un número de faltas de asistencia dun conselleiro ás reunións do consello de administración son motivo de cesamento. Os conselleiros teñen o dereito e á súa vez DEBER de asistir ás reunións. Se non o fan, impedindo o normal funcionamento da sociedade, só cabe unha saída. Esixir a súa renuncia de forma inmediata.
E vou polo miúdo:
Lupe Murillo. Puido ser unha opción aplaudida por todos. Agora mesmo é parte do problema, por non dicir "O problema". Non se sabe se vai ou se vén. Se está ou o a espera. A súa indefinición descualifícaa, porque a situación do Pontevedra non admite máis demoras en poñerlle o oportuno remedio. Ademais, as súas múltiples ocupacións lévana a non dispoñer do tempo que agora mesmo necesita o club para unha axeitada xestión. Asiste ás reunións, pero despois de pactar unha data libre na súa habitualmente apertada axenda.
José Manuel Dopico. E ese quen é? Nin él sabía nada do Pontevedra, nin o Pontevedra del. Que pena que non seguise sendo así actualmente! Póñenno de secretario, dimite, pero queda para non asistir. ÿ como as culleres, que nin pica nin corta. O seu "cariño" ao Pontevedra demóstrao ao presentar a súa dimisión por carta, en lugar de persoalmente, obrigando o club a incorrer en gastos notariais. Chegou para "levantar a man" ao ditado e segue simplemente para estorbar, porque así llo di o seu mentor.
Mauricio Rodríguez. ÿ o ideólogo na sombra. Asiste aos consellos por "Whatsapp", simplemente porque o seu capricho persoal o fai non querer sentarse na mesma mesa que José Antonio Millán. Segue manobrando na sombra, presumindo dunha xestión económica e filtrando uns beneficios contables, cando o seu primeiro ano foi un desastre económico e deportivo, e o segundo (aínda non publicado) dise que achegará máis de 200.000 euros de perdida real (diferenza simple entre ingresos e gastos reais, excluíndo resultados contables positivos derivados do proceso concursal). Tivo todo o apoio posible e máis para ser un bo presidente, pero pronto demostrou que, se é de ilusos pedirlle peras ao olmo, menos aínda podemos esperalas dun "alcornoque".
Unha das súas últimas e brillantes ideas, segundo se comenta, consistiría en propoñer que á nova Asociación de Peñas se lles cobrase un canon pola utilización do local que se lles cede en Pasarón, ou que no caso contrario el demandaría tamén outro local para uso da súa propia empresa. Iso por non falar (de momento), de determinados certificados asinados por el mesmo, que serviron de base documental para conseguir o seu actual paquete accionarial. Un iluminado, imos.
Por iso e moito máis, remato pedindo os propietarios de paquetes importantes de accións que tomen cartas no asunto dunha vez e aparten da sociedade ás eivas que impiden a súa recuperación. Sei que moitos deses accionistas o son por circunstancias, non por vontade propia, ao ter que transformar en accións as débedas que o club contraera con eles. Pero xa que o son, que exerzan, que defendan ao club e aos seus propios intereses poñendo ao fronte a persoas que de verdade queiran traballar por e para o Pontevedra.
Porque este club é máis que viable, cunha boa administración, cunha xestión responsable, e devolvendo a ILUSIÿN á súa masa social. A débeda tras o concurso de acredores quedou reducida a cantidades sensiblemente inferiores ás que tiña cando se fixo a "quita e espera" de Gerardo Lorenzo. Agora toca traballar, pero sobre todo UNIR esforzos e vontades, cousa que ningún destes personaxes conseguirá, primeiro porque non saben, e despois porque non queren.
Como moitos afeccionados me pediron que dea miña opinión, aquí a teñen. E como tamén é o tema do momento, amplío e me posiciono, que o meu nunca foron as medias tintas. Creo que José Manuel Fernández, coa debida axuda e cun consello amplo, integrado por granates de corazón e sentimento, pode ser un bo presidente. Como creo que Manu Fernández pode ser unha opción válida como adestrador. O que me gustaría é que algúns deixasen de mesturar "churras con merinas" e o visen ou xulgasen simplemente como técnico, non como fillo do presidente.
Dito isto, 72 anos despois. Feliz aniversario!, e que cumpra moitos máis o noso Pontevedriña, pero limpo de eivas e intereses escuros.