Tribuna Viva
A grande mentira de ENCE
Calquera que coñeza un pouco a traxectoria da empresa ENCE en Pontevedra, e a pouco que sexa imparcial, terá que recoñecer que se algo caracteriza aos seus directivos é a súa capacidade para terxiversar a realidade sen o máis mínimo rubor. Mantiveron así que cumprían escrupulosamente a lexislación ambiental ata o momento no que foron condenados pola comisión reiterada dun delito ecolóxico. Aseguraron en diversas ocasións que xa tiñan deixado de cheirar, sen decatarse do teimuda que é a realidade nin de que a xente non é parva.
E tiñan resolto xa o problema da integración na paisaxe; primeiro consistiu tal integración nunha infantilona decoración da fábrica con barquiños, gaivotas e peixes, unha decoración que non gustou sequera aos seus directivos, que tardaron ben pouco en eliminala; e logo, o famoso concurso de ideas entre o estudantado de Belas Artes do que saíu a brilante idea de reflectir os aneis de crecemento das árbores a carón dunha das chemineas pola que flúen os fumes procedentes dun proceso industrial que impide precisamente que as nosas árbores poidan medrar no noso país. Pouco durou a idea e xa hai tempo que non luce nas noites pontevedresas!
E xusto da man dunha nova proposta para integrar a fábrica na paisaxe, dun novo intento de disimular as vergonzas disfrazado desta volta en forma de concurso dirixido ao gremio da arquitectura, vén a grande mentira de ENCE.
Deixando de lado o feito de que, na miña opinión, é máis que probábel que non se chegue a materializar nunca tal proxecto (por certo, facían falta tantas alforxas para tan cativo resultado?), hai que facer fincapé na parte principal da mensaxe que ENCE pretende transmitir da man do famoso concurso. Toda a súa palabrería barata acerca da integración na paisaxe, da defensa dos valores naturais, vén precedida dunha máxima que é absolutamente falsa: "Unha vez que temos conseguido eliminar os problemas de impacto ambiental, que conseguimos pór a fábrica dentro da legalidade, e que estamos no camiño de eliminar definitivamente os cheiros, xa non falta máis que integrar a fábrica no entorno". Pretenden reducir a inmensa problemática ambiental e social de ENCE a unha cuestión estética; é unha fábrica fea, que dana á vista, que non gusta ás xentes empeñadas en disfrutar da paisaxe, Nada máis.
Esa é a grande mentira de ENCE, unha mentira que pretenden converter en verdade a forza de repetila e porque non dicilo- a forza de soltar pasta en busca de estómagos agradecidos; vamos, como fixeron sempre pero aproveitando agora a situación de crise, unha situación que aproveitan tamén para destruír o emprego na fábrica!
Pero a realidade é ben distinta; ENCE non é quen de cumprir a lexislación medioambiental; incumpre a normativa sobre Augas residuais urbanas (de obrigado cumprimento para calquera empresa que verta xunto con vertidos urbanos), a Lei de Augas de Galicia e mesmo debera ter anulada a súa Autorización Ambiental Integrada, concedida ilegalmente polo goberno bipartito da Xunta en base a un acordo (o de supramunicipalidade de Fraga) anulado por sentenza do Tribunal Supremo. E impide a posta en valor da riqueza marisqueira, pesqueira, forestal e turística, sectores todos eles xeradores de postos de traballo estábeis e de calidade.
Fea, si, pero contaminante e destrutora dos recursos naturais e o emprego, tamén!
Pontevedra, 25 de xullo de 2013
Asdo.: Antón Masa, presidente da APDR