Manuel Pérez Lourido
Eloxio da rutina
Hai días nos que un semella estar en pe por no haber mellor cousa que facer e días nos que calquera cousa vale para emprendela a golpes coa realidade e días nos que as cousas pasan igual que pasaron onte, que non sabe un en que día vive. Adoitamos ceibar queixas e bocexos de igual tamaño cando a rutina se convirte nun calcapapeis que nos pasa por riba, triste refugallo do libreto dunha obra cómica ou tráxica, ou traxicómica a meirande parte das ocasións. Porén, a rutina e un aderezo insubstituíble para poderes levar unha existencia dentro dos límites soportables por un sistema psíquico común e corrente, que é o que levamos de serie os seres comúns e correntes que aínda por riba reflexionamos sobre isto. Non sei se me estou a explicar ou só me enredo. Quero dicir, poñéndoo en palabras de Julio Cortázar (e dándolle así á columna un aquel de glamour eu que adoito fuxir do glamour e das citas), que a vida é coma o jazz e que, coma o jazz, precisa de certa base rítmica fixa para que os instrumentos solistas vaian dando a nota, que ven sendo o seu. Ou sexa, que están ben as variacións, as novidades, as sorpresas e ata os pasmos, pero sempre que poidan flotar sobre un colchón inmutable e recoñecible que nos axuda a tragar esa pílulas sen desvanecementos. Eloxio da rutina quixera titular esta crónica leve de males mundanos. Non, non dixen "eloxio da ruína": a miña asimilación da realidade non chega a eses extremos.
Ben certo é que estamos diante dun concepto de claras connotación negativas, e máis hoxe en día onde por todas partes se nos achegan mensaxes que pretenden excitar as nosas sensacións, masaxear os nosos miolos, esporear a nosa percepción, prometéndonos un paraíso de peripecias inesquecibles por un módico prezo; por non falar de ámbitos como o da vida conxugal, onde a rutina nos convirte en Teseos tentando fuxir dese Minotauro. A rutina, en xeral, é vista coma un Terminator emocional, un aniquilador da creatividade, da imaxinación, do mesmo desexo de transcender a unha cousa que chamamos comunmente mediocridade e que un non sabe, no fondo, que mal fixo (como se todo o mundo puidese ser excepcional). Un máis ben inclínase a pensar que, coma case sempre, polo termo medio debe andar a virtude, e polo tanto non debemos rexeitar de raíz a rutina nin botarnos aos seus brazos para que nos afogue coa aperta.
Volvendo ao símil de Cortázar, para que xurda a improvisación e podamos gozar da luz que aporta é necesaria certa dose de rutina. Ademais a imprevisibilidade xera desamparo e desacougo aínda que a curto prazo nos seduza, afeitos ás novidades nun mundo en constante renovación. Podemos dicir que a rutina é, hoxe, antisistema pois é algo que leva un tempo establecer e que se desenvolve ás costas das presas e urxencias que se impoñen na época na que nos toca vivir.
Por último, nada nos fai apreciar máis as bondades do hábito ou o costume coma os atrancos que en forma de malestar físico irrompen nas nosas vidas. Unha simple dor de moas, fainos saír da rutina e botala en falta coa mesma celeridade. E que cando se perden este tipo de cousas é cando en verdade se valoran.
29.05.2013